Blog | A Semana do Revés

Empezan as quinielas

Martínez podería ter candidata para a lista de independentes e para Vox soan varios nomes

Lara Méndez. SEBAS SENANDE
photo_camera Lara Méndez. SEBAS SENANDE

SEGURAMENTE NON HAI político nin analista que se atreva a vaticinar se o voto de Lugo nas vindeiras eleccións municipais caerá do lado progresista ou do conservador, menos aínda coa incertidume que hai sobre as candidaturas que chegarán ao 22 de maio. Neste intre todo está aberto. Se se fai caso ao que se escoita na rúa, podería haber preto dunha decena de papeletas entre as que elixir.

A falta de que Ace-EU confirme candidato -sería unha sorpresa que non repetira Carlos Portomeñe- e de que se saiba se Podemos se arrimará a estas siglas ou ás de Lugonovo, como a última vez, están anunciadas as listas de PP, con Ramón Carballo á fronte; PSOE, con Lara Méndez; Lugonovo, con Cristina Pérez; BNG, con Rubén Arroxo, e Cs, con Olga Louzao, que son os partidos que actualmente teñen representación na corporación, e Compromiso por Galicia, con Manuel Hurtado. Carballo, Méndez e Pérez levan tempo -moito ou pouco- en política, pero será a primeira vez que midan os seus apoios entre o electorado da capital. Carballo fíxoo no pasado, sen éxito, en Pedrafita e na Fonsagrada. En política estréase Hurtado, atleta como Arroxo, que debutou en 2015 no medio de certa polémica e hoxe é un dos candidatos con máis expectativas de crecemento.

Unha das incógnitas que máis morbo e preocupación provoca ultimamente é se Vox presentará lista en Lugo, despois de que xa desembarcara en cidades galegas como A Coruña e Ourense. Membros da dirección nacional prevén visitar a cidade en xaneiro co obxectivo de crear unha estrutura, pero xa houbo algúns contactos -con Ildefonso Saavedra, de Foro Lugo, segundo sinala el mesmo, que o descarta e di que xa ten os seis primeiros nomes para a súa propia lista- e soan candidatos. Entre eles, o de Agustín Pérez-Batallón, un clásico da dereita máis conservadora de Lugo, que en 2007 foi en postos de recheo da candidatura do popular Joaquín García Díez. Nalgúns faladoiros tamén sae o nome dun funcionario da Deputación que ata non hai moito tempo simpatizaba co PSOE e ao que tamén puido tantear o exsocialista Manuel Martínez para a súa candidatura de independentes.

Martínez xa tería cabeza de cartel para a capital, pero é cauto porque semella que non está sendo fácil conformar lista nin en Lugo nin noutras localidades como Monterroso ou Chantada, con candidatos potenciais, como o tamén exsocialista Jesús Otero e o expopular Manuel Varela, pesos pesados da política que saíron mal dos seus partidos e xa se teñen presentado como independentes. Para o proxecto na capital, Martínez tería fichado a Carmen González, profesora de Filosofía do instituto Lucus Augusti. Esta sinala que "si hay algo se sabrá". Martínez recoñece que lle gustaría unha muller e con esa premisa outro dos nomes que chegou a escoitarse foi o de Ana Argiz. En 2015 encabezou a lista de UPyD e procede das filas populares, partido co que o alcalde de Becerreá ten unha interesada sintonía na Deputación. 

As quinielas dispararanse en todos os partidos a partir de agora, aínda que hai quen adoita agotar os prazos, coma o PP, e esta vez non parece que vaia ser distinto. É un xeito de non deixar marxe de manobra aos que quedan fóra ou non se sinten representados e de que non queden en evidencia os puntos febles dos elixidos, pero tamén é arriscado porque non hai tempo a que o enfado pase e tampouco se lle saca beneficio ás fortalezas dos candidatos, desaprovéitanse oportunidades de facer campaña. É curiosa a estratexia do PP porque o propio Carballo parece estarse dando conta de que o tempo é ouro e de que a tardanza en confirmar a súa candidatura ao mellor non foi o máis acertado. O partido non as ten todas consigo. Algún dirixente recoñece que algunha enquisa dálle catro actas (o dobre das actuais) a Cs. Se dán as contas, está o comodín do pacto, que todo o mundo dá por feito.

'Veciños' nas listas electorais, un clásico
Non só os novos, tamén os vellos partidos terán que esforzarse e intentar afinar coas listas electorais. No PSOE, Lara Méndez poderá formar o seu equipo por primeira vez e suponse que fará fichaxes para os postos de saída, entre outras razóns porque se dá por feita a marcha dalgún concelleiro, como Carmen Basadre. É a máis veterana —exerce dende que en 1999 a fichara José López Orozco— e a súa xestión ten luces e sombras. O tecido asociativo é unha fonte clásica de fichaxes electorais e un dos nomes que volve a soar é o do presidente da Federación de Asociacións de Veciños, Jesús Vázquez. Se hai anos os faladoiros o colocaban nas listas do PP, nas que nunca chegou a estar, a sintonía que agora aparenta co PSOE sitúano neste partido. Na federación hai xente que se lle empeza a revolver e quizais por iso esta semana a entidade escenificou unha suposta presión á Xunta pola rolda Este, horas antes de que o delegado do Goberno galego en Lugo presentara o proxecto, rodeado de dirixentes veciñais.

Lugonovo, o reto de manter representación
Lugonovo foi unha das sorpresas das municipais de 2015, pero se xa daquela a formación da candidatura de unidade popular foi dificultosa tanto pola elección do cabeza de cartel como pola integración das distintas forzas e sensibilidades políticas, o reto agora semella aínda máis difícil. Trala marcha en 2017 do voceiro municipal, Santiago Fernández Rocha, polas diferenzas coa asemblea e a falta de apoio desta, e posteriormente do concelleiro Iñaki García, comezou un abandono paulatino de membros doutras correntes, como Anova, Espazo Ecosocialista e Podemos, así como de exmilitantes de EU. Nesta ocasión, a alcaldable será a edil Cristina Pérez, que substituíu a Rocha á fronte do grupo, pero coma el, agora tamén ela sente a presión da coordinadora. A previsión de Lugonovo era elixir o resto da lista en outono, pero a crise de En Marea aprazou un proceso que se prevé difícil. Por certo, o edil Víctor Álvarez substitúe á compañeira de corporación Victoria Esteban na nova dirección de En Marea.

O proxecto provincial de Inta, cada vez máis difícil
Manuel Martínez, diputado provincial non adscrito trala súa expulsión do PSOE, optará á reelección como alcalde de Becerreá, esta vez como independente, pero para manter a acta de deputado precisa que outras candidaturas coas mesmas siglas sumen case 8.000 sufraxios no partido xudicial de Lugo. Á falta de que se concrete se hai lista na capital, en principio os seus aliados serían Jesús Otero en Monterroso e Manuel Varela en Chantada, que no pasado concorreron como Independentes Terras do Asma (Inta). Porén, está por ver que sucede tamén nestes concellos. Otero aínda non deu o si en Monterroso, onde o actual alcalde, Miguel Rico, que asumiu o cargo cando o primeiro foi inhabilitado temporalmente para exercer cargo público, xa renunciou a presentarse. E os faladoiros din que o PP —a través do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro— estase empregando a fondo en Chantada para tratar de desactivar a Varela, excompañeiro de filas.

Comentarios