Emma Pedreira: "Fiz Vergara debería ser tido en conta nas Letras Galegas"

A coruñesa repite como gañadora do premio de poesía Fiz Vergara. O xurado do galardón, convocado polo Concello sarriao e Ergueitos, escolleu por unanimidade a súa obra, Voces ágrafas, entre as 70 obras presentadas

Emma Pedreira, durante a entrega o pasado ano dun premio en Vilalba. AEP
photo_camera Emma Pedreira, durante a entrega o pasado ano dun premio en Vilalba. AEP

TRECE ANOS pasaron dende a primeira vez que a coruñesa Emma Pedreira (1978) gañara o premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, convocado pola agrupación Ergueitos e o Concello sarriao en memoria do autor samanense. Este ano, na décimo oitava edición, a escritora coruñesa converteuse na primeira participante do certame en facer dobrete grazas a Voces ágrafas, unha obra coa que cre que o xurado arriscou porque é un libro "un pouco diferente". O poemario ten, di, un discurso "moi social" e un sentido do humor "un pouco acedo".

Como é repetir a experiencia de gañar o premio Fiz Vergara Vilariño 13 anos despois?

De momento ben. Xa só o tema de telo gañado e volver pasar toda esa criba entre 70 obras é un orgullo. Despois, todo o cerimonial e volver a estar entre a xente da agrupación cultural Ergueitos vai ser unha cousa fantástica porque xa o coñezo e estou desexando volver a pasalo.

Vostede é a primeira en facer dobrete neste galardón.

Supoño que cambiarán as bases despois disto para que non o faga ninguén máis (ri). Fun un pouco atrevida, non contaba con este resultado tan positivo. Atrevinme e desta vez acertei.

Estaba familiarizada coa figura de Fiz Vergara naquela primeira ocasión?

Non. Naquel momento non estaba tendo a consideración que merecía, estaba un pouco invisibilizado. Ese é un dos grandes labores que está facendo Ergueitos a través do premio. Eu coñecino a través do contacto co premio e a agrupación cultural. É unha das figuras máis esquecidas. Debería ser tido en conta de cara ás Letras Galegas.

Con este cantos premios leva?
Non o sei (ri). Non é un acto de soberbia, é un acto de deixadez. Supoño que tantos como libros individuais, que tampouco sei cantos son. Tería que ir á Wikipedia (volve a rir).

"É por deixadez, non por soberbia, pero o certo é que xa perdín a conta dos premios literarios que gañei"

Literariamente falando, este semella ser o seu ano: vén de gañar tamén o Xerais 2018, o Premio da Crítica no apartado da lingua galega e o Premio de Microrrelatos Mulleres Progresistas de Vigo.

Si, este ano e o pasado están a ser moi bos. Tamén estiven moito tempo en silencio, adicada só a escribir, e agora todo ese traballo está saíndo á luz con fortuna. Outros anos non se ten tanta.

Con qué xénero goza máis á hora de escribir?

Son escritora. Sempre se me relacionou máis ca poesía, pero eu empecei escribindo narrativa. Gústame experimentar coa hibridación entre poesía e narrativa. Se me teño que describir, digo escritora e punto porque tanto me da unha cousa ou a outra.

Despois de tantos anos escribindo, como cre que evolucionou a súa literatura?

Non sabería dicir. Creo que levo 20 anos publicando, pero toda a vida escribindo. A miña literatura foi evolucionando conforme fun medrando, lendo, coñecendo a persoas, deixándome influenciar por esas persoas, coñecendo mestras e mestres… Penso que todo é un proceso vital, e aínda me queda moito por vivir e moito por evolucionar. A vida é constante aprendizaxe, e hai que mirar con humildade o que veña.

No caso do Fiz Vergara, gaña coa obra Voces ágrafas. A que fai referencia ese título?

As voces ágrafas implican que non teñen unha escrita, que ninguén se ocupou de darlles un espazo literario. As miñas protagonistas pertencen a un ámbito moi próximo, non vou dicir cal é porque forma parte da sorpresa do libro, pero é moi próximo a todos nós. Podémonos ver dentro do libro e penso que esas persoas non teñen unha equivalencia literaria porque ao mellor son tan do día ao día que por iso seguen ágrafas.

Por que pensa que conquistou ao xurado?

Creo que arriscaron ao escollelo porque é un libro un pouco diferente. Ten un discurso moi social, moi de espello, de chamar á persoa que vai ler e crear unha ponte con ela. Hai unha retranca e un sentido do humor un pouco acedo, hai unha crítica e un cinismo moi explícito… Eu creo que todo este conxunto alterou ás persoas do xurado, no sentido de que entenderon que non se adoita falar en poesía destas cousas.

Cal é o seu seguinte obxectivo?

Non vou falar de obxectivos! Agora o único obxectivo é relaxarme, agardar que saian estes catro libros que en menos dun ano estarán na rúa —dous de poesía e dous de narrativa— e tomar un pouco de distancia. Seguir lendo moito, seguir aprendendo, deixar que eses libros cheguen a moita xente e cando volva sentir, seguirei escribindo. Non me plantexo nada a nivel certame. Vouno tomar con calma, gozar do que está ocorrendo agora e recoller os froitos do que estou sementando.

Comentarios