Emilia Martínez: "O libro é sentir, é un latexo, é a maneira que teño de escribir, dende dentro"

Natural de Monfero pero asentada en Vilalba dende hai 26 anos, acaba de estrearse no mundo editorial con Lendas e versos, que presentará o día 31 no Centro Cultural e Recreativo da capital chairega 

photo_camera Emilia Martínez, en Vilalba.

Leva toda a vida escribindo pero aos seus 52 anos Emilia Martínez, nacida en Monfero pero asentada en Vilalba dende hai 26 anos, acaba de publicar o seu primeiro libro, Lendas e versos, que presentará na capital chairega o venres 31 deste mes. 

Cando empezou a escribir?

Escribín dende pequeniña. Non recordo cando foron os principios, sempre me gustou a poesía pero tamén  facía contiños, relatos curtos. Con dez anos recibín o meu primeiro premio. Convocaron un certame e o  premio eran 500 libros para a biblioteca do colexio de Monfero, que non tiña. Gañei un diploma, que segue  alí, e os primeiros libros para a biblioteca. 

Sempre escribiu en galego?

Daquela escribía en castelán, o galego non estaba moi ben visto. Recordo que como asignatura empezou  cando estaba en oitavo. Pero agora atópome moi cómoda escribindo en galego, aínda que o normativo de  agora non ten nada que ver con aquel. Puntualmente escribo algo en castelán porque colaboro cunha  asociación de poetas andaluces, Hechizos Poéticos, que teñen unha emisora pequeniña e un local para  recitar.

Como deu o salto para publicar?

Escribín sempre pero non o fixen público, tampouco había redes sociais e iso axuda moito agora. Cos poetas  andaluces, que os coñecín por internet, empecei a facer cousas hai seis ou sete anos e hai tres empecei  aquí. Coñecín a Martiño Maseda polas redes sociais e se non é por el supoño que non o faría nunca. Foi o  salto en Vilalba.

Con colaboracións?

Empecei facendo recitais, o de Rosalía, o solidario de Cruz Vermella, o Día da Poesía en Vilalba... e  colaboracións con Culturalia GZ e con Nova Poesía Guitirica, cos que colaboro dende hai dous anos, e coa  revista Xistral. Tamén son membro da Asociación de Poetas de Chantada e participei nun libro que se fixo  entre Portugal e Galicia, Colectánea de poesía luso-galaica. E teño unha páxina, Aperta Poética, onde  escribo.

Cando nace Lendas e versos?

Hai 20 anos que o empecei a escribir e estivo moito tempo aí. Estaba relegado a morrer no olvido, pero animeime agora a facelo público. Ao principio ía ser só de lendas pero completeino cun poemario. 

Publica a través de Aliar Edicións.

Coñecina pola asociación andaluza. É unha editorial de Granada e publica un libro en galego. No vídeo promocional recita unha rapaza de Madrid e é unha marabilla.

Como presentaría o libro?

As lendas son historias que vivín na nenez e moitas son cousas que contaba meu pai, que sempre me animou a escribir, polo que lle adiquei este libro. Hai 18 en total e mostran a maxia das Fragas do Eume e do mosteiro de Caaveiro. E o poemario, Berce de versos, é mais intimista. Consta de 78 poemas e ten de  todo un pouquiño. E a miña filla Isabel fixo a portada e as ilustracións de dentro.

A portada é un corazón en branco e negro do que saen dúas folliñas.

Dío todo. O libro é sentir, é un latexo. É a maneira que teño de escribir, dende dentro. Foi algo moi especial a  colaboración da miña filla, creo que nos coñecemos ata no pensamento.

Como afronta a presentación?

Estou nerviosísima e alucinada coa resposta. Aínda non o presentei e xa está na segunda edición. Saía  cunha tirada de 150 libros e nun día fixéronse 80 reservas. Sorprendeume moitísimo o cariño da xente. A  poesía aportoume grandes amigos e todo isto desbordoume. Na presentación están un grupo de 14 poetas  para recitar, ademais de Xosé Carlos Ulloa, que fixo o limiar, Pilar Maseda, escritora e moi amiga, e Antón de  Guizán, de Lareira de Soños e Nova Poesía Guitirica. E imaxino que alguén do Concello.

Dá máis nervios a presentación ou pensar no momento en que os lectores abran o libro?

O momento no que o abran. Hai moitos que o compran por min, e o medo que me dá é que non lles guste cando o lean. Non quero que mo reserven porque é meu. 

Haberá máis presentacións?

Están falando de máis pero non son o meu, chégame a de Vilalba. O que me gusta é escribir. 

E que é escribir?

É a vida, unha válvula de escape. Non escribo para a xente, escribo para min, e se ti que les, che gusta, estupendo! A poesía débese escribir para un mesmo e que a cada un lle chegue á súa maneira.

Dar o paso e facer público un anima a sacar un segundo libro?

Xa teño un segundo case rematado que se titula Bágoas de sangue. É de violencia de xénero e é bastante
duro. Sería só poemario, pero primeiro a ver como sae este.

Ten moito material no caixón?

Completos teño cinco ou sei poemarios, de 500 ou 600 versos. Incompletos máis. 

Un autor de referencia?

Gústame moitísimo Rosalía, é unha icona, e tamén Benedetti.

Comentarios