Opinión

Eleccións galegas 2020 e futuro político

Despoís deste parón electoral retomo a columna semanal facendo unha pequena análise (xa sei que se fixeron moitas ao longo destes días) do que pasou nas últimas semanas de campaña electoral. En primeiro lugar teño que advertir de que de todas as predicións que levo publicadas nos últimos artigos, e o papel está de testemuña, só fallei a de que o PP podía perder a maioría no Parlamento (seguramente fun pouco obxectivo na análise e me deixei levar polo típico optimismo preelectoral). A de desaloxar ao partido popular de San Caetano era unha tarefa ben complexa, por como o presidente xestionou mediaticamente os últimos meses, e finalmente quedou lonxe de materializarse. Polo que quero que as miñas primeiras palabras neste artigo sexan para felicitar a Feixóo e a todo o seu equipo de campaña, pero tamén a Elena Candia, que fixo da provincia de Lugo todo un bastión popular que lle debera ser recompensado cun cargo de relevancia dentro do novo goberno da Xunta de Galiza.

Analizando superficialmente a campaña teño que dicir que Feixóo estivo pouco acertado e nervioso no esperpéntico debate a sete da TVG (que facía Vox alí que non está presente en ningunha institución galega ou Cs, completamente residual no noso panorama político?), optou por pasar desapercibido no ‘formigueiro’ e decidiu ir a non perder no que foi o único debate electoral (entendo que se negou a aceptar unha segunda volta porque tiña pouco que gañar). O PP puxo toda a carne na grella consciente do que se xogaba: agochou as siglas, apostou polo carisma do seu líder, empregou a maquinaria militante para facer chamadas ás casas e incluso xogou sucio intentando comprar a vontade de certos sectores (sanitarios, gandeiros...). Despois volveu repetir a deturpada palabra ‘xestión’ e insistiu en que ou gobernaba unha persoa con experiencia ou un rebumbio de dez partidos heteroxéneos. Todo iso foi suficiente para poñerse á altura de Fraga absorbendo todo o voto da dereita en Galiza.

A outra gran vencedora da noite electoral foi Ana Pontón, que volveu gañar de xeito moi sobrado no debate (estivo sólida, convincente, clara e faloulle de ti a ti ao presidente, visualizando que en Galiza so habería dúas alternativas mentres o resto da ‘grea’ se enguedellaban entre si) e aproveitou a campaña para intentar reverter o ostracismo que certos medios de comunicación lle brindaron á oposición ao longo destes meses. Está claro que é tempo de mulleres e o BNG ademais de ser feminista estao a demostrar cun exército de mulleres preparadas para facer esa revolución pendente e pacífica do século XXI: Ana Pontón, Olalla Rodil, Noa Presas, Ana Miranda... É tempo de BNG porque a fronte nacionalista atopou unha líder carismática que chega á xente (novos e maiores, de esquerdas e dereitas...), non coma o PSdeG que leva apostando varios anos por cabezas de carteis grises (Caballero, Leiceaga e Vázquez) que son devorados por Feixóo á primeira de cambio, pero tamén é tempo do Bloque porque ten un proxecto claro e centrado no país e iso, xunto coas disputas internas, foi o que relegou ao espazo do rupturismo á desaparición total do panorama político galego.

E xa que comezabamos o artigo analizando predicións pasadas, voume aventurar a falar algo dos vindeiros catro anos. Non fai falla ser visionario para aseverar que Feixóo aterrará en Madrid en 2-3 anos (sempre que non haxa adianto electoral no estado) para substituír a un Casado que fóra da súa cara sorrinte non ten nada que ofrecer á sociedade. É probábel que o PP aposte por unha muller para o relevo de Alberto e nesa batalla Ana Pastor (cuns cursos intensivos de galego polo medio) podería ter un perfil semellante ao do actual presidente. Pero as eleccións estarán moi abertas cunha Ana Pontón que chegará moi forte como líder da oposición e que tratará de converterse na primeira muller que presida a Xunta de Galiza. O resultado final dependerá moito do PSdeG nunha esquerda que non se presente fragmentada; pode saír a perder como nos últimos once anos ou pode buscar un líder con tirón, e nese partido Besteiro ten moito que dicir.

Comentarios