O Eixo Atlántico reforza a súa "aposta polo turismo"

Os representantes da entidade e de El Progreso coincidiron na necesidade de respaldar o sector neste tempo
De esquerda a dereita, Xoán Vázquez Mao, Alfonso Riveiro, Altino Bessa (pantalla), Lara Méndez e Engracia Rois. XESÚS PONTE
photo_camera De esquerda a dereita, Xoán Vázquez Mao, Alfonso Riveiro, Altino Bessa (na pantalla), Lara Méndez e Engracia Rois. XESÚS PONTE

O "apoio ao sector turístico" foi a idea forza que guiou a entrega do premio dunha estadía en Braga que se sorteaban nunha iniciativa do Eixo Atlántico e do diario El Progreso, e que foi entregado a Engracia Rois Trastoy.

O secretario do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, agradeceu a colaboración continuada de El Progreso —representado onte polo seu director, Alfonso Riveiro— en todas as iniciativas desta entidade que busca cohesionar Galicia e o Norte de Portugal. "Temos que seguir traballando xuntos en apoio do sector turístico, que é quen o precisa agora".

Alfonso Riveiro incidiu nesa idea despois de remarcar o consolidada que está a relación entre o Eixo e o diario lucense e que busca, de xeito permanente, "reforzar os lazos entre Galicia e Portugal".

A iniciativa turística acabou por ser o elemento de peso na intervención da alcaldesa de Lugo e vicepresidenta do Eixo, Lara Méndez, quen lembrou que a institución está formada por 35 cidades e deputacións galegas e lusas que se esforzan ao unísono por fomentar "a cultura, o deporte, a economía, o urbanismo e o turismo, que ten un potencial de crecemento moi elevado".

O Eixo Atlántico está formado por 35 cidades e deputacións galegas e portuguesas

O tenente de alcalde de Braga, Altino Bessa, achegou telematicamente cifras do crecemento das pernoctas na súa cidade, que foron de 520.000 no 2017 a 640.000 no 2019. "Case un 40 por cento deles son españois", que "proceden principalmente de Galicia".

A época máis intensa de recepción de visitantes é a Semana Santa, "que é moi potente" na cidade lusa. "Este ano xa foi o que foi, esperamos que o próximo ano sexa distinto", remachou o tamén concelleiro de Turismo.

Engracia Rois e un acompañante poderán coñecer os lugares máis apetecibles de Braga durante os días correspondentes a dúas noites no hotel Burgus, que ten a oportunidade de disfrutar ao longo dun ano.

Lara Méndez e máis Altino Bessa fixeron un repaso aos atractivos que comparten Lugo e Braga, que teñen unha fonda e sólida orixe no pasado romano. Ambos voceiros municipais recordaron que mesmo o xeito de reivindicalo, a través dunha festa de recreación, é idéntico. Méndez e Bessa amosaron a confianza mutua nunha próxima e feliz recuperación tanto da Braga Romana como do Arde Lucus.

Comentarios