Opinión

Economía e saúde

Calquera persoa con coñecemento do devir polítivo sabe perfectamente que existe un marco xurídico no neoliberalismo, globalización incluída, que permite a transferencia das riquezas das clases traballadoras ás clases dominantes, privatizando en todo momento os beneficios e socializando, cando conviñer, as perdas. Como di a profesora Claudia von Werlhof, o neoliberalismo activa o interese persoal e o individualismo, a segregación dos principios éticos dos asuntos económicos e, en definitiva, favorece un proceso desvinculante entre economía e sociedade, proscribindo calquera interferencia do público estatal coas “forzas do mercado”. E xa dicía o visionario Goethe no seu “Fausto”, a comezos do XIX, que o “libre comercio, a pirataría e a guerra formaban un trío inseparábel”.

Na actualidade, vivindo o que vivimos, coas características entre o real e o imaxinario dunha hecatombe ou dun armaxedón, o interrogante que xorde é directo e inmediato. ¿Pode existir unha economía (neste caso, neoliberal) sen saúde humana? O economista Simon W. Lewis, da Universidade de Oxford, non dubida ao respecto: “A economía é secundaria diante das consecuencias para a saúde de calquera pandemia cunha taxa de mortalidade significativa”. Clarísimo. Mais, aínda así, existen políticos e economistas como Stephen Moore, moi ligado a Donald Trump e seguido por boa parte da dereita e da extrema dereita política aquí e agora, que ditaminan que a peor solución é paralizar a economía. ¿Teñen que morrer millóns de persoas? Pois que morran. Non podemos deixar que a cura, como dixo o Hitler do noso tempo, sexa peor que a enfermidade.

As principais correntes económicas impostas no momento actual non observan nas súas análises e condutas consideración ética ningunha. Para o político e o economista neoliberal “à la page” a ética é un restroballo filosófico, cando non puro lixo ideolóxico. Adam Smith, que foi profesor de Filosofía Moral antes que economista, fracasou con estrépito na tentativa de casar certos valores éticos co comportamento económico que procura o interese individual e ao mesmo tempo o interese colectivo. ¿Canto vale a vida dunha persoa en termos económicos? ¿Haberá unha nova “man invisíbel” que regule o mercado? Navegaremos en augas turbulentas. Xurdirán novos perigos. Poranse en xogo as dimensións coñecidas do social. Mais despois do Covid-19 xa nada será igual.

 

Comentarios