Opinión

Durmir nos loureiros

Nas Metamorfosis de Ovidio, concretamente no Libro I, o que fala de Dafne, podemos achar a orixe da expresión durmir ou adormecer nos loureiros. Como é sabido, significa vivir dos éxitos conseguidos con anterioridade coidando que durarán para sempre. O espertar adoita ser amargo e revelador de que nada é perpetuo.

Nada é para sempre por razóns varias. O ser humano é volúbel como pluma no vento, se lle aplicamos a homes e mulleres, como debe ser, a aria da ópera Rigoletto: "La donna è mobile qual piuma al vento, muta d'accento e di pensiero".

Porque, por fortuna, podemos mudar de pensamento no caso de pensarmos e, por desgraza, podemos facelo sen pensar, aínda que isto sexa un oxímoro, simplemente por seguir a tendencia ou guiármonos por impresións.

Este sábado toca reflexionar. Boa parte dos votantes e das votantes xa temos ben claro a quen lle queremos outorgar a nosa confianza. Porén, un repaso ás diversas opcións e un chisco de memoria nunca sobrarán. Persoalmente, eu adoito preguntarme, alén de fidelidades e militancias, quen ten conciencia galega e quen practica os ismos que a min me moven: pacifismo, feminismo, ecoloxismo, igualitarismo, e ese altermundismo que se resume na máxima de que outro mundo é posíbel.

A miúdo coidamos que somos os primeiros, se non en apoios, si en altura de miras, clarividencia, honradez e razón ou razóns. É nesa crenza onde pousamos os nosos éxitos de igual xeito que os nosos fracasos. Mais sucede que ese é un modo máis de durmir nos loureiros, a agardar que o pobo esperte do seu soño e lle sexa revelada, como a graza tumbativa que tirou a San Paulo do cabalo, a nosa verdade inmutábel. E, a dicir verdade, se se me permite unha afirmación tan categórica, en política a única verdade inmutábel é que todo ten que estar ao servizo da humanidade e non de catro privilexiados.

Non hai moito, nun taller de electricidade do automóbil e á vista dun Seiscentos moi antigo, contoume o dono que pertencera ao seu avó e que, sendo el neno, viaxaba nel toda a familia agás o pai, que quedaba traballando, para pasar as vacacións en Cuntis. Seica o coche ía ateigado de persoas e cousas e o condutor, que ademais carecía dun ollo, circulaba con suma prudencia. Relatoume que, nunha ocasión, nun tramo de moitas voltas, provocou unha caravana inmensa. Os gardas civís detivérono para lles dar paso aos que viñan detrás e despois, antes de mandalo proseguir a viaxe, preguntáronlle por que ía tan amodo. "Para que había correr, se xa ía de primeiro?", respondeu o home cun humor que provocou a risa dos axentes.

Agora en política todo o mundo corre, mais o difícil é saber quen vai de primeiro.

Comentarios