Imprimir

Durmir e espertar

Luís Celeiro |

El Progreso de Lugo | 22 de enero de 2019

NON HAI nada que facer. Cando pasan unhas cantas horas, os espertos teñen que durmir e, se é o caso, soñar. Teñen que descansar entre sete e oito horas cada día, unha terceira parte do tempo, unha terceira parte da vida durmindo e, mentres tanto, cavilando, arrimando o ombro á parede e vendo pasar o tempo. Entre tanto, a sociedade e todos os seus integrantes, matinando e durmindo en quendas diferentes. Non se debe durmir menos de seis horas diarias, nin máis de oito. Aqueles que dormen pouco teñen máis probabilidades de sufrir aterosclerosis. Segundo recentes estudos científicos, un vinte e sete por cento máis de probabilidades que aquelas persoas que dormen o tempo establecido como normal, entre seis e oito horas.

Cómpre durmir tantas horas diarias como as que se dedican a traballar, moitas cada día ou cada noite, evitando prudentemente que sexan coincidentes

Pero, tamén hai bo e mal sono e a súa calidade inflúe, obviamente, na saúde dos cidadáns, máis, e máis negativamente, naqueles que teñen no seu corpo acumulación de graxas e colesterol nas paredes das arterias, facéndoos propensos a padecer un golpe de peito mortal ou a sufrir unha cardiopatía isquémica, que tamén pode matar. Tampouco é bo durmir moito. Trátase dun equilibrio necesario entre o tempo e calidade do sono. Lembren, lectoras e lectores, o refrán de sempre, "a cabeza para o nacente e os pés para poñente".

O cardiólogo Valentín Fuster, do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC) do Instituto de Saúde Carlos III, anuncia que a falta de sono súmase aos outros sete factores de risco cardiovascular, a obesidade, presión arterial alta, colesterol, glucosa, tabaquismo, falta de exercicio e mala alimentación, citando expresamente o exceso de sal, como se fose o avivador do sal común, e de azucre en comidas e bebidas para os nenos e para os adultos. Moitos deles, como nenos.

Cómpre durmir tantas horas diarias como as que se dedican a traballar, moitas cada día ou cada noite, evitando prudentemente que sexan coincidentes. Así, pois, a conta está feita: unha persoa como Dosinda que morreu o mesmo día que cumpría cen anos, pasou trinta e tres anos da súa vida durmindo, a maioría, soñando. Igual que outras moitas persoas, está entre as boas xentes de Antonio Machado, que un día como tantos, descansan para sempre baixo da terra. Para non parar, durmir, soñar e espertar.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/luis-celeiro/durmir-e-espertar/201901221142471355390.html


© 2019 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)