Dous lucenses editan un cómic duns bandoleiros na Revolta dos Irmandiños

Manuel L. Poy e Miguel Fernández presentan 'La espada de San Eufrasio', un tebeo ambientado na Terra Chá, Os Ancares e Lemos
Imaxe da capa de 'La espada de San Eufrasio'
photo_camera Imaxe da capa de 'La espada de San Eufrasio'

O guionista Manuel López Poy (Sarria, 1958) e o debuxante Miguel Fernández (Baralla, 1973) volven colaborar nun cómic de ambientación histórica. Veñen de editar La espada de San Eufrasio. La Aldea Maldita (Diábolo), na que contan a historia dun matrimonio de labregos chairegos do século XV, Rosendo e Rosa. No tempo anterior á Revolta dos Irmandiños (1467-1469) atópanse no medio das "loitas dos señores feudais: o señor de Lemos, o bispo de Lugo, os Andrade, Pardo de Cela...", comenta Poy dende unha Barcelona "que está bulindo".

A casa da parella -no lugar imaxinario de Aldea Maldita, cerca de Vilalba- é incendiada por soldados en 1464. Fuxen xuntos cos fillos -tres mozos e unha moza- cara aos Ancares para escapar da persecución dos nobres. "Neste primeiro tomo son fuxitivos, pero despois convértense en bandoleiros", advirte o coguionista, que estima que haberá outras "sete ou oito" entregas deste tebeo que terá como escenarios A Terra Chá, Lugo, as Terras de Lemos, os Ancares e o tramo galego de Camiño de Santiago.

A historia de La espada de San Eufrasio. La Aldea Maldita está baseada nunha novela de José Rey, con orixes en Vilalba, sobre a que traballaron tanto el como Poy para elaborar o guión. Ese traballo literario de Rey requeriulle unha xeira de documentación sobre a que o seu colaborador apunta que "hai que andar con pés de chumbo" dada a dificultade de manexar "fontes dispersas". Non menos esforzada foi a tarefa do ilustrador, Miguel Fernández, para "reconstruír o castelo de Sarria ou a abadía de Samos", ou para debuxar "as roupas e as armas da época".

Esa dificultade é maior se se considera que en España "hai pouco cómic da época medieval, algo que non acontece en Francia, por exemplo". Unha carencia que o autor estende ao tebeo de ambientación histórica, que contrasta coa proliferación de series televisivas de época. "Dende o éxito do Capitán Trueno (1956-1968) case que non hai nada", sinala Manuel López Poy sen atreverse a buscarlle unha explicación a ese desinterese.

O autor sarriao confía en que este álbum, que terá unha tiraxe de 1.000 exemplares, teña unha acollida xenerosa "porque ten unha trama de aventuras cun trasfondo político e social" no que se reflicte un feito caracterizado pola acción e a violencia, como a Revolta Irmandiña -"a maior revolución na Europa do século XV"-, que estoupa tres anos máis tarde de que uns soldados queimen a casa de Rosendo e Rosa e un ámbito histórico como o Camiño de Santiago.

Os dous autores principais colaboraron xa en O fillo da furia (2011), Os fillos do cometa (2013) e A las cinco de la tarde (2014).

Comentarios