Dous feridos tras caer do peirao de Rianxo co seu coche

Os ocupantes do turismo puideron saír del sen dificultades porque a marea estaba baixa

Dúas persoas foron evacuadas na madrugada deste venres como consecuencia dun accidente rexistrado no peirao de Rianxo.

Segundo a información faciltada ao 112, o vehículo precipitouse do peirao e caeu a un areal. Nese momento, a marea estaba baixa, polo que os ocupantes do turismo saíron sen dificultades. Iso si, necesitaron asistencia médica e, de feito, foron evacuados nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias un ao centro de saúde da localidade, outro ao hospital comarcal.

Pola súa banda, os servizos de emerxencias encargáronse da retirada do vehículo antes da subida da marea, que xa tocaba as rodas. Para iso, servíronse dun guindastre e o coche quedou depositado en zona segura dentro do peirao.

Foi un particular quen alertou ao persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia preto das 6:30 horas. Esta chamada permitiu aos xestores do 112 activar un operativo de rescate no que participaron os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Boiro, ademais dos axentes da Garda Civil e os voluntarios de Protección Civil da localidade.