Opinión

Dorothea Lange: a dor dunha época

A MULLER apoia a cara sobre a man dereita. A cada lado, un neno. Os dous de costas. Fascina o rostro na vella fotografía. A amargura da boca. Tanta dor, unha faragulla de esperanza nos ollos. Éche a icónica fotografía da "Nai migrante".

Dorothea Lange, fotoxornalista, é autora de duras imaxes da Gran Depresión que na década dos 30 asolou USA. A foto da mater dolorosa aparece unha e outra vez. Agora é a Gran Recesión que desde 2007, pola irresponsabilidade dos gobernos e a cobiza dos poderosos, golpea aos empobrecidos.

A fonda división do mundo, a insolidaria reclamación do dereito á secesión dos ricos, o mal olor da pobreza no mundo, as bíblicas migracións son o telón do novo realismo social. A fotoperiodista documental tería hoxe bos escenarios, amesma xente para fotografar.

A nai migrante, os refuxiados de Oklahoma co bebé chuchando da teta, a familia cos cinco fillos na carretera, a casa abandonada cuberta do po que arrasou o Medio Oeste nun dos maiores dexastres ecolóxicos. Aquelas vellas fotografías de cor sepia son agora coloreadas portadas.

Aprendemos pouco. No sanguinario século XX precisamos dúas guerras mundiais e unha revolución para avanzar pola forza e cun alto prezo cara á igualdade. Hoxe, desde a década dos 80, a trunfante desigualdade e a falta de equidade camiña polo mundo e polo sistema económico a pasos axigantados. É ben coñecida a imaxe potente do bus onde collen os megamillonarios que acaparan a riqueza do mundo. E de como cada ano que pasa precisan un bus con menos prazas para acaparar unha porción aínda maior do pastel.

En 1.997 publicouse o libro "Miles de millones" do astrofísico Carl Sagan. Non falaba de dólares como Jeff Bezos ou de euros como Amancio Ortega. Falaba de estrelas e salientaba a fraxilidade da Terra. Tamén ofrecía unha fotografía de palabras titulada "Parábola da vida humana". Di Sagan que se imaxinamos aos humanos como un pobo con 100 familias, resulta que 65 son analfabetas. 90 non falan inglés. 70 carecen de auga potable. 80 nunca subiron a un avión. 7 son donas do 70% da terra e consumen o 80% da enerxía dispoñible. 60 amoréanse no 10% da superficie. E só unha ten algún membro universitario.

Volvemos á mirada fondamente humana de Dorothea Lange. Remiramos as fotografías do álbum da Gran Depresión. Son os mesmos rostros, os mesmos nenos, os mesmos homes derrotados, as mesmas nais que a Gran Recesión de principios do s.XXI abandonou nas beirarrúas. No ollos en branco e negro da súa cámara, xente expulsada por unha economía canalla, os señores da guerra, os credos do odio e polo clima.

John Steinbeck contou con palabras a mesma historia en "Las uvas de la ira". A Dorothea Lange chegoulle co rostro da "Nai migrante", onde colle a dor de toda unha época.

Comentarios