Blog

Dobre moral

Ambiente 25 de Julio
photo_camera Turistas en Santiago este verán. PEPE FERRÍN

O PRIMEIRO de xullo xa estaba maldicindo a todos os peregrinos do mundo. E iso que, daquela, aínda non chegara case ningún a Santiago neste pandémico 2020. Non aturo os turistas. Veñen ás nosas cidades, asaltan as nosas terrazas, beben as nosas estrellas e comen as nosas navallas. As miñas navallas. "Ei, amigo, esa zamburiña perténceme, danke", danme ganas de dicirlle a un botarate alemán que se pon ata arriba de marisco na barra do meu bar de cabeceira. Non lle digo nada, finalmente, tras calcular a forza dun eventual impacto do seu puño curtido nalguna fábrica siderúrxica da cunca do Ruhr contra a miña cara de miñaxoia.

"Sorry, la plaza del ou-bra-deej-ro?", pregunta un inglés colorado con pinta de Wayne Rooney logo de tomarse varias pintas. "Siga a esa masa, my friend", respondo, sinalando a unha caterva de peregrinos e agardando que o inglés esvare de camiño e, do golpe, aprenda a pronunciar como Deus manda...

A mediados de xullo a paciencia xa se me estaba esgotando e agora, a principios de agosto, non aguanto máis. Vou entrar en Booking, pillar un hotel en calquera parte do planeta e desconectar de todo isto facendo turismo, que é o que máis me gusta.

Comentarios