Opinión

Distorsión óptica

Cando por primeira vez visitamos Viena, hai xa un mangado de anos, aloxámonos nun pequeno hotel en Schönbrunn. Desde o centro da cidade íamos en metro, unha oportunidade única de establecer comparanzas co suburbano que mellor coñeciamos daquela que era o da capital de España. O primeiro risco que chamou a nosa atención foi o silencio, só roto polos altoparlantes que con voz sonora e excelente calidade de son, ian anunciando as paradas. E desde logo observamos que case a totalidade dos viaxeiros aproveitaban o recorrido para ler, pero non só periódios e revistas senón libros. E tamén, fóra do transporte aprezamos a amabilidade da xente para orientarnos no caso de despistes fruto seguramente do noso pasmo perante aquel mostrario que arquitectura e urbanismo producían en nós. Con todo dounos tempo a pensar nos múltiples xeitos de viaxar sen pagar o billete que víramos e escoitáramos na capital hispana, e a comparalos co feito de que ali non existian mais aparellos de control que os habilitados para deixar o billete, pero sen barreiras. No de Londres víramos uns letreiros antigos advertindo de abultadas sancións e o aviso para os infractores de que serian sometidos á vergoña pública.

O virus apareceu e asolagou todo, pero alguén se encargou antes de precarizar a sanidade pública

Nese camiño algo se foi avanzando, pois que a través da soliedaridade e da asunción de causas comúns como a protección da supervivencia e o exercicio da fraternidade, despregáronse cualidades que estaban agachadas e valores que foron deturpados en moitas ocasións. Por outra banda estes son dias especiais para o exercico da autoridade por vía de exemplo para convertela no que se chamaba ‘autorictas’ para os romanos. Pero o desleixo e os vicios herdados e a teimosía no seu uso de vellos valores e causas periclitadas, fannos recuar ao tempo dos deuses gregos e romanos atacados polos filosofos de aquel tempo pola súa inmoralidade. Pero para algunha xentiña esas son normas humanas e o Olimpo está fóra delas. Sobre moitas das declaracións da dereita de sempre, paira a añoranza de aqueles tempos nos que a voz de ar, ecoaba nos salóns con cheiro a naftalina e a cera, armarios con roupa fóra de moda e cheos de piollos godos e de secretos inconfesábeis, ainda contando co perdón do administrador do locutorio. A herdanza pesa moito e a educación resesa tamén. Pero cómpre reparar na elocuencia dos feitos, porque xa dixo o filósofo ‘verum index sui et falsi’. O virus apareceu e asolagou todo, pero alguén se encargou antes de precarizar a sanidade pública, os mesmos que se desprazaron á segunda residencia e saen a pasear porque é un costume, ou porque lles peta.

Da reacción cívica proceden moitos alporizamentos da estrema dereita que en moitos aspectos é unha. Lembro uns versos de Celso Emilio anteriores á sua obra en galego, onde fala da razón e do tesón de algunhas causas da gleba, e esta é unha delas, no mesmo sentido duns versos anteriores do mesmo poema asegurando que o seu sangue non é azul senón vermella. Claro que hai quen fixo do daltonismo un hábito político e non unha alteración xenética.

Comentarios