Opinión

Dirixido á DGT

ESTA É unha petición para que, se pode ser, simplifiquen o sistema dos sinais nas estradas galegas –non autovías, nen autroestradas– a fin de facilitar non só un tránsito fluído senón o benestar físico e mental das persoas que usamos o transporte particular por esas citadas vías. E diríxoa nomeadamente ao seu Director Xeral, señor Pere Navarro, que ten deixado moi bon ronsel do seu paso pola Dirección na etapa do anterior goberno socialista.

Partindo da realidade material galega, que fai máis difícil programar unha circulación uniforme; tendo en conta a continuidade dun hábitat, moitas veces ininterrompido; sabendo de antemán que aquí á xente lle agrada viver ao pé da estrada, e canto máis transitada sexa, mellor; coñecendo que se xuntan autos e máis persoas andando en peregrinaxe; sendo conscientes de que, ademais de automóbeis, hai camións, autobuses, tractores, bicicletas, ciclomotores, carromatos, carretillas, algúns animais tanto de gando de gardar como de carga ou de deporte; coñecendo que hai furgonetas repartindo pan mesmo os domingos (cunha velocidade que parece que traballan no deseño de rallies); e, finalmente, coidando aos maiores que teñen o gosto de atravesaren as vías públicas en diagonal, sería conveniente, mesmo edificante, que as autoridades competentes deseñasen a sinaléctica de modo e maneira que facilitase o tránsito e non o dificultase.

Por exemplo, o que sucede nas vías da estrada Lugo-Santiago: a N 547. Convido ao actual Director de Tráfico do Goberno do Estado, home sensato onde os haxa, para que faga ese percorrido e despois me comente se non tivo que tomar biodramina por sobredose de sinais: obrigatorios, informativos e indicativos . De tal modo hai un exceso que se unha persoa responsábel segue ao pé da letra as indicacións/prohibicións dos sinais non só tarda 2 horas en percorrer 98 quilómetros senón que pode producir algún que outro accidente debido ás necesidades de frear en seco sen posibilidade de aviso.

Por outra banda, pode precisar tratamento por confusión de traxecto (é unha modalidade de tolemia da guiadora dun vehículo), xa que nota ausencias importantes na información que se desprende dos sinais: por exemplo, primeiro, prohibido superar 70km/hora; aos 100 metros: prohibido superar 50km/h; reduce, e na espera de que apareza o sinal que anula a segunda prohibición segue, segue e segue até que 4 quilómetros máis adiante aparece un que elimina a prohibición de ir a máis de 70: ben, ou alguén está aparvado ou eu fixen o parvo e non me decatei de que 50 só podía se referir a un tramo claramente urbano. Para a próxima xa o sei. Erro, grande erro: o limite de 50 non se corresponde coa noción de urbano en demografía, nen cun núcleo de poboación nen cunha entidade singular: non hai criterio observábel, por esa razón cómpre contratar os servizos dun copiloto con boa vista de media distancia e nada proclive ás distraccións para que vaia cantando sinais e mesmo o nome dos lugares cuxa representación en tamaño de cartel tampouco se corresponde cun criterio identificábel.

Espero que esta petición atope atención e resposta. Grazas.

Comentarios