Dios, Caín ou Magdalena, personaxes que "alegraban ou amargaban o día"

A revista oral do San Froilán, dedicada este ano a persoas singulares, recuperou figuras populares como o Galo Quirico, os Fazai ou a maleteira Mercediñas

Lois Pérez, na revista oral das festas. SEBAS SENANDE
photo_camera Lois Pérez, na revista oral das festas. SEBAS SENANDE

A revista oral do San Froilán, que se celebra dende hai oito anos por iniciativa da sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega e en cada edición gaña seguidores, recuperou este ano personaxes singulares de Lugo "que che podían alegrar ou amargar o día", como resumiu Orestes Currás para referirse a José Luis Real, Dios, que abordaba á xente pola rúa co seu "discurso metralleta" e "de certa xenialidade".

Ante o auditorio que se citou no Vello Cárcere, Currás lembrou como o socialista Ricardo Varela saíu branco do despacho despois de escoitar a Dios, que consideraba que o planeta estaba en grave risco porque a extracción de petróleo provocara que a terra perdera "o seu peso específico" e "desplomárase da súa órbita" ou que as ferramentas de carpintería de Xesucristo estaban enterradas debaixo do Mesón de Alberto.

Currás e o resto de participantes achegáronse a estes e outros personaxes, algúns deles con algún tipo de desequilibrio mental, dende o respecto e coa única fin de gozar de personalidades singulares.

A xornalista Enma Alonso lembrou as agrias polémicas entre o Galo Quirico e o castañeiro Lombao. Delas dába conta este xornal e a consecuencia era que Quirico esperaba os redactores -como o pai de Alonso- á porta para berrarlles: "Querella criminal!". Alonso tamén falou da Magdalena, que andaba sen roupa interior e levantaba a saia ao paso dos homes, berráballes "¡puta!" ás mulleres e mexaba de pé; de maleteiras como Mercediñas e a vella do Roquete, e de Luis Leriele, que non perdía un enterro nin un acto social.

O escritor Xosé Miranda centrouse en Caín, cuxo nome "xa era identificativo". Nos últimos anos do franquismo e na transición, este home paseaba por Lugo con vestimenta "de tipo militar ou paramilitar, con boina e moitas medallas". Levaba, ademais, unha radiocasete con marchas militares e o Cara al sol. "Estaba absolutamente identificado co réxime. Unha vez entrou nun bar, convidárono a tomar unha Estrella Galicia e respondeu: Yo solo Águila Imperial".

"A Caín invitárono a tomar unha Estrella Galicia e respondeu que él só tomaba Águila Imperial"

A revista oral, titulada Xente daquela maneira, abarcou "historias de fatos, malpocados, aluados, traslidos, falsarios, estafadores, impostores e carteiristas". O xornalista Paco Nieto botou man da memoria, de testemuños orais e da hemeroteca de El Progreso para recordar os Fazais, xenérico co que nunha época se identificou aos carteiristas en Lugo pola fama de trileiro que acadara un veciño dese lugar próximo a Lugo. Nieto referiuse a un policía local que era o terror das leiteiras, con fama de delincuentes porque algunhas augaban o leite, e á bolsillera Marujiña, entre outros personaxes.

Na categoría de malpocado entraría Manuel de Vilarín, un home da Fonsagrada do que falou Marcelo Castro, funcionario da Xunta que traballou alí. Tentou suicidarse varias veces e nunha ocasión acabou invitando a cear aos veciños que o salvaron. Díxolles: "Non vos matedes por ninguén, que non merece a pena, eu non me volvo matar por ninguén". Non o cumpriu.