Diminúen os delitos en Lugo no que vai de ano pero medran os de índole sexual

Entre xaneiro e setembro rexistráronse 1.769 infraccións penais, un 16% menos que no mesmo periodo de 2019
Un coche de la Policía Nacional. ARCHIVO
photo_camera Un coche de la Policía Nacional. ARCHIVO

A subdelegada do Goberno informou de que as estatísticas da Policía Nacional reflicten un descenso do 15,64% na cifra de delitos cometidos no que vai de ano no municipio de Lugo. Desde o mes de xaneiro ata o día 22 de setembro rexistráronse un total de 1.769 infraccións penais neste concello mentres que no mesmo período de 2019 foran 2.097.

Isabel Rodríguez explicou que este é un ano atípico, no que a delincuencia tamén se viu condicionada polas limitacións de movementos establecidas para loitar contra a pandemia do coronavirus. Así, destacou que no que vai de ano diminuíron os delitos contra as persoas e o patrimonio, pero aumentaron os delitos contra a liberdade sexual.

A subdelegada tamén puxo o énfase no traballo desenvolvido pola Policía Nacional con motivo do Estado de Alarma e no esforzo realizado por este corpo policial para garantir o cumprimento da normativa sanitaria e de seguridade cidadá neste período.

Segundo os datos oficiais da Policía Nacional, neste período de tempo rexistráronse en Lugo 172 delitos contra as persoas, fronte aos 206 do ano pasado, e 437 delitos contra o patrimonio, mentres que o ano pasado foran 588. Aumentaron, en cambio, os delitos contra a liberdade sexual, que pasaron de 15, en 2019, a 21 neste ano.

As estatísticas tamén reflicten un incremento do 2,31% na eficacia policial, que se situou no 44,66%, e nas detencións practicadas pola Policía Nacional, que pasaron de 423 a 467.

É de destacar que este ano foron esclarecidos o 100% dos delitos contra a liberdade sexual, nun esforzo das forzas de seguridade contra este tipo de delitos.

O ascenso máis importante no número de detencións deuse nos casos de delitos contra a liberdade sexual (19 detidos neste ano fronte aos 5 do ano anterior) e nos roubos con forza (49 detidos este ano fronte aos 13 do ano anterior).

Comentarios