Guitiriz 2014

Un día 17 e 364 máis para lembrar a Xosé María

Concello, veciñanza, colectivos e centros educativos festexaron a un poeta de aldea, "autor das páxinas máis gloriosas da literatura galega", que soubo ver a beleza das pequenas cousas

O Ceip Lagostelle gañaba o concurso de carteis da Xunta en 2014. C.PÉREZ
photo_camera O Ceip Lagostelle gañaba o concurso de carteis da Xunta en 2014. C.PÉREZ

Por que?
Foron moitas e moi variadas as cousas que marcaron a actualidade guitiricense nestes últimos 13 anos, pero sen dúbida, que lle dediquen o Día das Letras Galegas a un veciño do municipio é un feito notorio, que quizais nin se volva repetir. 
Protagonista
Xosé María Díaz Castro nacía o 19 de febreiro de 1914 na aldea vilarega do Vilariño e morría o 2 de outubro de 1990 en Guitiriz. Só publicou unha obra, ‘Nimbos’, con 32 poemas, editada por Galaxia en 1961.
Un chisco de historia
A Real Academia Galega celebrou por primeira vez o Día das Letras Galegas o 17 de maio de 1963, dedicado a Rosalía de Castro. A data escolleuse por ser o aniversario da publicación de ‘Cantares Gallegos’, que vía a luz o 17 de maio 1837. Antón Fraguas é, neste 2019, o homenaxeado número 57.

Herba pequerrechiña/ que con medo sorrís/ ó sol nacendo/ e morrendo sen ti,/ ¿por que de ser pequena/ te me avergonzas ti?/ ¡O Universo sería/ máis pequeno sen ti!

ESTES VERSOS do poema Esmeralda, quizais dos máis coñecidos do autor que foi homenaxeado polo Día das Letras Galegas do ano 2014, resumen á perfección o espírito non só de Xosé María Díaz Castro senón dos actos conmemorativos que promoveron aqueles que o coñecían.

Pepe do Vilariño criouse andando polas corredoiras do Vilares, gozando desas herbas pequerrechiñas, desas árbores, deses regatos, deses animais, de todos eses lugares que están presentes na súa obra. E aínda que o seu camiño profesional o levou ata Madrid e a ser quen de manexarse en máis dunha ducia de idiomas, o galego e o lar foron sempre os seus referentes, e a eles volveu cando a xubilación llo permitiu.

Estes non son poemas, nin cimentos/ de poemas siquera. Son fragmentos/ de min mesmo perdidos,/coma ventos fuxidos,/por antigos camiños esquencidos:/¡Díaz Castro perdido no traxeito/ dun recordo moi longo, recolleito/ or un anxo e salvado/ nalgún intre de amor desesperado

Coma ventos fuxidos é o primeiro poema de Nimbos, toda unha declaración de intencións sobre a única obra publicada polo poeta vilarego, e só pola insistencia dos amigos, suficiente para que coincidiendo co centenario do seu nacemento a Real Academia Galega decidise dedicarlle o Día das Letras Galegas.

Parecía que nese ano 2014 comezaba así unha andaina sen fin, na que Guitiriz e o seu poeta, descoñecido mesmo para moitos veciños, se convertía no epicentro do universo. Máis había unha sementeira previa que permitiu chegar ata ese punto. Un labor de anos capitaneado por Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos, amigo persoal e depositario do seu legado literario, que foi estendendo as súas raíces.

A rúa que dá acceso a Guitiriz dende Os Vilares, o nome do instituto, un busto nos Vilares, publicacións, estudos, o documental ‘O instante eterno’ de Xosé Antón Cascudo... pequenas homenaxes que sumaron para facer posible que os actos institucionais se concentrasen en Guitiriz un 17 de maio de 2014. Na Casa Habanera, abertos ao público, no Ceip de Lagostelle, onde se colocou a placa conmemorativa, só para as institucións.

Poeta ou non, eu cantarei as cousas/que na soleira de min mesmo agardan./Alumarei con fachas de palabras,/ancho herdo meu,/o mundo que me deron

Así escribía nos primeiros versos de Coma brasas, e foron moitos os que recolleron o testemuño e quixeron cantar e contar a grandeza de Pepe do Vilariño, autor das "páxinas máis gloriosas da literatura galega", segundo Luis González Tosar, gran coñecedor da súa obra. 

Foron moitos os nomes salientables que gabaron a Díaz Castro, pero sendo como era el, "humilde, discreto y tímido", en palabras da súa familia, seguro que o que máis ilusión lle faría sería ver a escolares de todas as idades ilusionados con algún dos seus versos.

Roteiros, composicións musicais, publicacións, audiovisuais, exposicións... reiteráronse ao longo de 2014 e, máis importante aínda, tiveron continuidade no tempo. 

O Concello de Guitiriz creou o Premio Díaz Castro de Poesía, que suma catro edicións e a Rúa da Pedra de Díaz Castro que une a súa casa natal co Buriz, onde ía a escola. ‘A lus do mundo do IES Poeta Díaz Castro non deixa de xerar vida, coñecemento e comunidade partindo daquel neno de aldea, O Vilariño, onde a súa casa natal, herdanza da súa benquerida asociación cultural Xermolos, espera o pulo definitivo para converterse na Casa da Xente.

E en 2014 tamén pasou
Abadín

▷ O 26 de xullo prodúcese un accidente múltiple na A-8, no Fiouco, só uns meses despois de abrir o tramo. Hai unha falecida, máis de 40 feridos e ducias de vehículos destrozados. Cinco anos despois, a néboa segue a provocar que a autovía peche entre os quilómetros 552 e 536.

Begonte
▷ O Concello presenta a súa bandeira e o seu escudo oficial, escollendo entre varias propostas da Comisión de Heráldica. Na simboloxía están presentes as grandes casas e o Camiño Norte.

Castro de Rei 
▷ No verán podase, ante o asombro dos veciños, o eucalipto das Lombas, da Casa de Ordax, en Loentia, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Os seus máis de 50 metros comprometían o espazo aéreo do aeródromo de Rozas.

Cospeito
▷ Os premios Incorpora da Obra Social La Caixa distinguen ao restaurante Anllo de Muimenta polo seu labor de integración laboral.

Muras
▷ Varios anos de traballo e un investimento de 2,3 millóns de euros do fondo de compensación ambiental daban pé á inauguración, o 19 de xullo, da aldea etnográfica de Carelle, con nove casas e 60 hectáreas de terreo. Dende aquela acolle algunha actividade, pero segue sen estar operativa.

A Pastoriza
▷ O Concello contrata un veterinario para cubrir un servizo imprescindible nun dos grandes municipios gandeiros galegos. A finais de ano, a Xunta anuncia que reporá o servizo que previamente suprimira.

Vilalba
▷ O 10 de decembro, faise público que o queixo de San Simón da Costa gaña o XV Premio Aresa de Desarrollo Rural, dotado con 10.000 euros. Recoñece a unión entre os produtores e a aposta pola industria da transformación.

Xermade
▷ A Audiencia Provincial condena a Brais Lozano a 56 años de prisión polos crimes de Burgás.

Meira
▷ A apertura da escola infantil Vermiño —hoxe integrada na Galiña Azul—, prodúcese en setembro, con 41 prazas.
 
Pol
▷ A asociación cultural Leña Verde festexa o seu vixésimo aniversario.

Ribeira de Piquín
▷ Un veciño de Cartea afronta  varios xuízos por permitir que o seu gando invada as fincas dos veciños.

As Pontes
▷ O Concello cede locais sociais a once colectivos no renovado Hexágono, en cuxas obras se investiron 400.000 euros.

Comentarios