Dez anos sen Antonio Gandoy

O 11 DE febreiro do 2002, a nosa terra perdeu unha inmensa humanidade e unha presenza cálida, esperta, cerca dos que loitan contra a desesperanza, educadora da sociedade e alentadora da xente que sementa educación infantil familiar.

Preescolar na Casa non tería sentido e mesmo non existiría sen a figura deste home que se dedicou a mellorar a vida dos demais. Nestes tempos de incerteza e de crise, cómpre lembrar a súa figura para decatarnos de que o seu pensamento segue vixente.

Preescolar na Casa, que naceu como unha utopía realizable e irrenunciable grazas ao traballo e ao pensamento de Antonio Gandoy, está hoxe a ser referente noutras comunidades e noutros países: un exemplo de programas de parentalidade positiva que se están a poñer en marcha en países tan diferentes como Ecuador ou o Reino Unido.

O mundo educativo en xeral, e Galicia en particular, están en débeda con este home paradigma de compromiso e bo facer. Foi cura, carpinteiro, delegado de Cáritas (xustiza con rostro humano), galeguista, educador.

Comprometido coa terra, co rural, cunha fe inesgotable no poder transformador da cultura e consciente do papel insubstituíbel da familia na educación dos nenos elabora o seu ideario pedagóxico. Principios nos que cría apaixonadamente están de actualidade: A educación e a cultura son bens imprescindibles. Os primeiros anos son decisivos. Os pais e as nais están a facelo ben: son capaces de axudar. O galego identifícanos.

‘Necesítase un pobo para educar a un neno’, di o proverbio africano. Pois algo falla, recordaba Gandoy, cando tantos nenos son condenados a non ter futuro, cando tantas familias non gozan de posibilidades reais de tempo, espazos e de economía para exercer como familia. Por iso apostou, e por iso aposta agora pola parentalidade positiva Preescolar na Casa, programa educativo cun labor máis necesario que nunca.

Dez anos pasaron xa sen a presenza teimuda de Don Antonio no territorio da utopía irrenunciable: o que é necesario ten que ser posible e ademais realizable. E nesa realización está hoxe empeñada moita xente decidida a manter vivo o lume de educar á xente miúda, de mellorar a familia para que xuntos sexan capaces de recrear unha sociedade máis culta e libre, máis xusta e solidaria.

Antonio Gandoy, «O Cura da Bicicleta», foi unha estampa entrañable e crítica cunha sociedade creadora de excluídos e devorada pola présas e o consumismo depredador. Quédanos a herdanza deste home cun corazón que bombeaba quentura humana onde máis se necesita. Hoxe vive na nosa memoria habitando o verso onde Pondal colocaba aos galegos grandes, bos e xenerosos.

Despois de dez anos do pasamento de Antonio Gandoy a sombra da súa ausencia é unha inmensa e luminosa presenza.

Comentarios