Parga despide a David Díaz Losada, presidente da comunidade de montes durante 24 anos

A igrexa parroquial de Santo Estevo acollerá este luns o funeral, con saída de Velatorios Teixido ás 16.30 horas
David Díaz. AEP
photo_camera David Díaz. AEP

Hoxe é un día triste en Parga. Hoxe toca dicir adeus a un veciño que apostou por retornar as súas raíces e pelexar polo progreso da vila que o vira nacer hai 83 anos. Logo de facer carreira como militar, David Díaz Losada volvía á casa a comezos dos 90, pero non para gozar dunha plácida xubilación, senón para pelexar polo seu pobo.

Home serio, de carácter e sempre disposto a botar unha man, non resulta sinxelo resumir en só unhas liñas os proxectos que se levaron a cabo con David como impulsor, a través das distintas entidades das que estivo á fronte: a comunidade de montes veciñais de Santo Estevo de Parga (tamén foi coordinador da Organización Galega de Comunidades de Montes) durante 24 anos, o GDR-2 Terra Chá, a Feira de Parga ou Centro de Iniciativas Turísticas (CIT). Ata probou sorte na política, á fronte dunha alternativa veciñal independentes que lograba catro concelleiros nos anos 90.

E é que David nunca tivo problema para dar un paso adiante e dar a cara. Era el quen chamaba, pedía e negociaba. E así se rehabilitou o Muíño da Ruxida, se recuperaron varias fontes, entre elas da mineiromedicinal de Valdobín, se acondicionou o contorno do cemiterio ou se restaurou o Campo da Feira de Parga, un histórico referente que é un punto de encontro para xentes de aquí e de acolá e no que non deixaron de facerse melloras, aínda que conservando o seu espírito, cos históricos cobertizos como emblema.

Tamén nos 90 se creaba a asociación veciñal A Raxeira, co obxectivo de dinamizar a vila. E  David pensou que non sería mala idea unir un símbolo de Parga, a pedra das súas canteiras, as mesmas que financiaban moitas das iniciativas veciñais, cun prato típico do outro emblema, a feira. Xurdía así a Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga, que en 2019 celebraba as súas vodas de prata.

Malia a todos os seus logros, aínda lle quedaron arelas por conseguir. Puxo moito da súa parte para que Parga tivese unha residencia para as persoas maiores e tamén para sacar a vía do tren do pobo. Non foi posible, pero quizais, dende onde estea agora, siga empurrando para estes e outros proxectos sexan posibles. Polo futuro de Parga.

Veciños, amigos e familiares, ata onde os límites da pandemia o permitan, despedirán David de Capitán este luns 16, ás 16.30 horas, dende Velatorios Teixido ata a igrexa parroquial de Parga, onde se celebrará o funeral polo seu eterno descanso.   

Comentarios