Desiguales en la desigualdad

Hoxe celébrase o 8 de marzo. Máis de cen anos na procura dunha idea simple e común: a igualdade. En moitas institucións, nos medios ou nas escolas conmemórase esta data. Se cadra, de xeito ritual, falarase do moito logrado e do longo camiño que fica por diante. Hoxe é o día no que moitas desexamos que o resto dos 364 días do ano sexan tamén o Día das Mulleres.

As mulleres sofren as consecuencias da crise dun xeito moi profundo. Xa soportaban menores taxas de inserción laboral e peores condicións salariais, e agora incrementáronse. Hai tres anos a fenda salarial entre homes e mulleres era do 22% e nestes momentos é do 29%. A estes salarios substancialmente inferiores debemos engadir unha temporalidade e precariedade moi por riba da masculina. En só tres anos en Galiza 23.000 mulleres perderon o emprego.

Neste contexto, a política do PP baseada unicamente en recortes aos servizos públicos, como sanidade, educación ou benestar, só xera máis desigualdade. Feijóo sobe un 83% as taxas das escolas infantís para as familias que cobran pouco máis de mil euros ou privatiza os centros de día. Simultaneamente, Rajoy elimina nun só decreto sobre a reforma laboral as poucas medidas conquiridas para mellorar a conciliación e a lactancia. Mentres tanto, observamos un retroceso lexislativo importante en materia de igualdade: véxase a lei da Red Madre, a lei de apoio á familia ou a derrogación da lei de interrupción voluntaria do embarazo.

Hoxe é 8 de marzo e as mulleres galegas son máis desiguais na desigualdade social que crece a ritmo alarmante nos últimos tres anos. O reto de futuro é complexo porque implica modificar unha economía baseada unicamente nas relacións monetarias e especulativas. Unha economía que empobrece máis as máis pobres: as mulleres.

Comentarios