Desde os 'aloites' ao Mundial

O Club de Loita Vilalba, un dos máis grandes en canto a licenzas e logros, traballa para dar a coñecer unha disciplina considerada entre as máis antigas da civilización e que está presente na súa forma tradicional en todo o mundo.

Pequenos aprendices de 'aloitadores'. M.ROCA
photo_camera Pequenos aprendices de 'aloitadores'. M.ROCA

A actividade física é algo innato á humanidade. Correr para cazar ou escapar dos depredadores, tirar lanzas ou pedras para obter alimento, competir cos teus iguais en distintas condicións físicas... Estes só son algúns exemplos de movementos que deron pé a disciplinas deportivas totalmente reguladas e que continúan na actualidade, pero tratando de manter as súas orixes.

Entre eles, atópanse as loitas olímpicas, que son a evolución do que en moitas culturas non era máis ca unha demostración de habilidade, destreza e forza contra un semellante. Galicia non foi allea a este fenómeno. Unhas manifestacións espontáneas sen regulamento que se daban en datas ou celebracións sinaladas e seguramente consistían só en agarrarse e tirarse ao chan. Era o coñecido como ‘aloites’, ‘ir aloitar’ ou ‘ir botar loitas’.

«Hai deportes que pelexan por saber cal é o máis antigo da civilización, e a loita é un deles», explica Iván Castro, adestrador e alma máter do Club de Loita Vilalba, un dos máis grandes de Galicia en canto a número de licenzas e, sobre todo, a logros acadados ao longo da súa historia.

Castro fala da universalidade deste deporte, do que «non se sabe cal é a orixe». «A loita está estendida por todo o mundo e case todos os países teñen as súas loitas tradicionais e, incluso, está considerada deporte nacional. É tan básico que xorde de forma automática en todas as civilizacións», apunta, e enumera casos como o sumo en Xapón, a loita senegalesa ou o caso de Mongolia, «onde os nenos teñen que saber facer obligatoriamente tres deportes: tirar con arco, montar a cabalo e loitar».

Rosalía e Emilia Pardo Bazán recolleron en textos as pelexas que había entre mozos e mozas

No caso de España, algunhas continúan conservándose e gozan de gran prestixio e popularidade, como é o caso da loita canaria ou a leonesa. «Os clubs máis importantes de León e de Canarias son de loita tradicional. A práctica desta modalidade xa dá a licenza para as loitas olímpicas, que non son máis que a universalización das tradicionais para a recuperación da antiga loita de Grecia nos Xogos modernos», asegura o adestrador vilalbés.

No caso de Galicia, tamén existe unha loita tradicional, aínda que actualmente se atopa nun proceso de recuperación, posto que a partir de mediados do século pasado foi esmorecendo e quedou relegada a algunhas zonas concretas.

A súa orixe, como en calquera outra loita, non está clara, pero considérase que evolucionou desde as antigas loitas prerromanas e que foi influenciada posteriormente polos pobos bárbaros. A maioría dos datos que se refiren á loita tradicional galega, como son as características ou os obxectivos da pelexa, están recollidos a través da tradición oral, aínda que tamén existen referencias bibliográficas.

A loita tradicional galega ten hoxe unha presenza moi residual, pese ao traballo que fai o club A Cambadela da Estrada

Rosalía de Castro, por exemplo, fai mención ao feito de aloitar no poema ‘A probiña, que está xorda...!’, do libro ‘Follas Novas’ (1880): «Xa preto da media noite,/ dan encomenzo as peleas./ Os mozos loitan coas mozas,/ medindo as forzas que teñan./ E n’andan en cumprimentos/ para botarse por terra».

Emilia Pardo Bazán narrou unha loita de xeonllos no conto ‘El molino’ (1900) e tamén facía este apuntamento: «Esta costumbre de la lucha, que ya va desapareciendo, subsiste aún en algunas comarcas galaicas [...]. Luchan todavía las mozas entre sí, y hasta desafían al mozo, degenerando entonces la batalla en deleitable juego».

Iván Castro lamenta ao respecto que a loita tradicional en Galicia hoxe é «moi residual» —a pesar do traballo de recuperación que fai o club A Cambadela da Estrada— e recorda que o club vilalbés probou a ter un apartado centrado nela pero non foi posible.

O club vilalbés realizou varias exhibicións desta modalidade nas feiras medievais locais

«Intentámolo, pero é moi difícil. Entre os adestramentos de loitas e de acrobacias e as escolas municipais damos 30 horas de clases e é complicado meter máis modalidades», comenta.

Desta forma, o Club de Loita Vilalba fixo algunha demostración das pelexas tradicionais nalgunha das feiras medievais que se celebraron hai anos na capital chairega e tamén impartiu clases no verán «para ter os rapaces ‘enganchados’ nunha época na que hai menos competicións».

Mais Castro non perde a esperanza. «Gustaríame moito facela no club, porque é unha maneira moi bonita de introducir os nenos nas loitas. Ao ser tradicional, semella que non ten tanto o estigma de ser un deporte de combate ou agarre, aínda que estes teñan moitísimas vantaxes», sentencia.

Mentres a alma máter do Club de Loita Vilalba segue soñando con que a entidade colabore co mantemento da tradición galega, vanse cumprindo outras ilusións, que seguen levando o nome da capital chairega por toda España e incluso por outros lugares do mundo.

Os 13 títulos de campión nacional de José Cuba e as súas participacións en europeos e en mundiais para pelexar por unha praza nos Xogos Olímpicos e os relevos que veñen por detrás como Carlos Yobani García, Ramón Monasterio, Roberto Díaz ou Samuel García son o exemplo de que o traballo, o esforzo e o compromiso sempre dan os seus froitos.

Unhas 70 licenzas entre federados e as dúas escolas
O Club de Loita Vilalba conta cunhas 70 licenzas, nas que se inclúen as dos loitadores de maior nivel, os dos nenos de base das escolas municipais de Vilalba e de Xermade —que contan cuns 30 e uns 20 alumnos, respectivamente— e doutros deportistas que se formaron nesta entidade e que agora se atopan estudando ou traballando fóra ou adestrando noutros clubs.
Podios
Nos últimos anos é moi habitual atopar nos primeiros postos das distintas competicións a membros do club vilalbés. Os campionatos galegos son a lanzadeira para eles para participar a continuación nos nacionais e noutros torneos relevantes formando parte da selección autonómica. Outros, como é o caso de José Cuba ou Carlos Yobani García, son habituais nas convocatorias do equipo español.
 

Comentarios