Descubrir Pol sobre rodas

Trotamontes vén de conmemorar o décimo aniversario da súa ruta de motos, quads e buggies, na que se deron cita 200 afeccionados

Diversión e promoción. Eses son os dous piares nos que se sustenta a asociación Trotamontes de Pol, que naceu hai dúas décadas, e aínda que cun parón polo medio, vén de conmemorar o décimo aniversario da súa ruta de motos, quads e buggies, na que se deron cita uns 200 afeccionados de dentro e de fóra da comarca.

"A asociación estaba parada e decidimos retomala hai cousa de dez anos. Ademais, por aquel entón, pareceunos interesante organizar tamén unha ruta, xa que daquela non había moitas aínda e aquí xa había un grupo que tiña vehículos para andar polo monte", conta Javier Fernández, un dos integrantes da entidade e tamén promotor dun evento exitoso que vai colleitando éxitos ano tras ano.

Para que todo saia a pedir de boca, o traballo desinteresado dunha vintena de veciños de Pol é imprescindible. "A cousa empeza tres meses antes. Temos que pedir permisos á Xunta, facer os tracks co GPS, marcar e sinalizar a ruta...", enumera Fernández, mentras incide en que pese ao esforzo a recompensa merece a pena. "Para nós é unha satisfacción ver o pobo cheo de xente durante ese día. É a nosa maneira de promocionar o municipio para que a xente o coñeza e o descubra", engade emocionado.

Comentarios