Imprimir

O derradeiro brindo do Ribeira

Kike Estévez Hernández |

Kike Estévez Hernández | 06 de agosto de 2020

A min chámancheme Antonio. Así te presentabas ante o teu público. Sempre con esa facilidade verbal, con esa sinxeleza e sabedoría que che daba a experiencia de tantas veladas improvisando versos, armado co teu chapeu e co teu eterno sorriso. «Eu nacín en Louzarela»; lugar perdido e agachado entre montañas, baixo a ollada, como dicía Novoneyra, dos tesos cumes do Courel e dos Ancares. Louzarela, aldea gala, bastión galaico da resistencia da nosa tradición oral, sempre será recordada grazas a ti, o ‘Brindeiro Maior da Serra’, o ‘Brindador da dentro’. «Cuando era eu chiquitín»; si, daquela foi cando aprendiches o oficio de brindar, con apenas 10 anos, do que non te separarías ata o derradeiro día. Era outra época. Guerra Civil. A morte dos teus pais. Tempos duros dos que había que saír coa testa alta e facendo comunidade da mellor maneira.

«Uns brindaban desde fóra e outros desde a ventana»; aquelas vodas montañesas eran parte da vida courelá e ancaresa, unha especie de rito onde se producía algo máxico: reclamo de participación, críticas asumidas, alivio das tensións, divertimento e éxtase comunitario. «Esto non o fai calquera»; non era un traballo fácil: saír da casa ataviado para a voda sen estar convidado, percorrer pistas e corredoiras para chegar ao lugar da celebración. Vinte ou trinta quilómetros. Chegar, cantarlle aos noivos, aos padriños e a toda a comitiva da voda. Divertir a xente, ser respectuoso cos teus rivais e botar horas improvisando coplas ata a madrugada ou ata o día seguinte.

«Apréndolles a brindar»; así lle dixeches a Carlos Núñez no disco del en que participaches. Non foi no único: tamén naquela ‘Rapsodia de aires populares’ de honra aos daquela príncipes do Estado. Que orgulloso quedaches desa. Ou cando fuches a Suíza: Centro Galego, Laussane, tratamento de xeneral. Foron moitas e moi boas. Non as esqueceremos. «Ai! estate calado ho»; así lle dicías a Calviño de Tallo naquela disputa entre regueifa e brindo no 1º Certame de Regueifas disputado en Vigo e na Coruña. Xuntanza irrepetible entre as dúas tradicións. Sei que non che gustou. Retorcías os fociños cando cho recordaba. Pero foi histórico. Aquelas batallas verbais con Antonio de Xornes, Guillermo da Rabadeira, O Atrevido de Grixoa e co gran Calviño de Tallo quedarán gravadas na memoria das persoas que as presenciaron en directo e na de todas as que tivemos ocasión de escoitar as gravacións. Brindo e regueifa, auga e aceite. O ying e o yang do repente galaico. Marabilla oral improvisada. «Nadie me parou os pés»; nin uns nin outros puideron contigo. Nin a vella nin a nova xeración. Hai quen di que os regueifeiros de Bergantiños che deron unha boa malleira aquelas dúas xornadas hai vinte e cinco anos. Non foi así. Soubeches contestar, á túa maneira. Máis suave, máis doce, máis nobre. Oralidade sublimada ao extremo. Versificador supremo.

«Xa pasou a primavera»; aló foi a primavera do brindo. Os paxaros brindadores xa non cantan nas vodas, o seu rechouchío en coplas redondas non se escoita desde hai moito tempo. As flores das brindeiras e das loístas xa murcharon onde vai. Pero ti fuches a prórro ga. Ese tempo a maiores co que ninguén conta. Grazas ao cura Don Xesús ou ao gaiteiro Foxo, trasladaches esta arte dende os teus días ata os nosos. Sobrevivente, deixáchesnos o teu legado e o da túa xeración. «Loh voun dar a despedida»; como despedirse cando non saen as palabras? Nunca saberemos agradecerche todo o que nos aprendiches. Marchaches sen facer ruído e despedíndote dos teus e das túas. Como se do teu derradeiro brindo se tratase, fuches xenio e figura ata a fin. Grazas, mestre. Estrañarémoste. Botarémoste moito en falta. Boa viaxe e que a terra che sexa leve, Antonio Río Montero, O Ribeira de Louzarela, brindador da dentro:

Eu pensein que estaba solo

Pero estoun acompanado

Doulle-las gracias a todos

Pola atencion que han prestado

Antonio Río Montero, O Ribeira

de Louzarela (Louzarela, 1987)​

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/kike-estevez-hernandez/derradeiro-brindo-do-ribeira/202008061302231453660.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)