Derivan ao hospital coruñés a un bebé ferido nunha colisión producida en Duarría

O irmán e a nai do pequeno, veciños de Castro de Rei, foron atendidos en urxencias no hospital Lucus Augusti

Estado no que quedou o vehículo no que viaxaba a familia tralo sinistro. JOSÉ ÁNGEL DÍAZ
photo_camera Estado no que quedou o vehículo no que viaxaba a familia tralo sinistro. JOSÉ ÁNGEL DÍAZ

Un bebé de oito meses tivo que ser derivado na tarde deste sábado a un centro hospitalario da Coruña, logo de ser atendido na Uci do Hula, tras resultar ferido de gravidade nunha colisión frontolateral entre dous vehículos, ocorrida minutos antes da unha e media da tarde na estrada LU-113, á altura da parroquia de Duarría, en Castro de Rei. No sinistro, que causou unha gran conmoción, tamén resultaron feridos o seu irmán, de cinco anos, que viaxaba xunto a el no asiento traseiro, e a súa nai, P.P.R., de 26 anos, que era quen conducía o coche.

Varios condutores e veciños apuráronse a prestar auxilio ás vítimas, veciñas da zona. Os primeiros en chegar sacaron aos nenos do coche, percatándose de que o bebé estaba inconsciente, o que provocou un gran nerviosismo entre os presentes, que chegaron a temer pola vida do menor.

Foi un veciño de Castro que tamén se achegou a axudar, e a quen lle solicitaba axuda a muller que naquel momento suxeitaba ao bebé no colo, quen optou por refuxiar ao pequeno no seu propio vehículo e lle prestou os primeiros auxilios, logrando que este reaccionase e comezase a chorar.

O accidente no que o outro condutor implicado resultou ileso, produciuse na estrada LU-113, onde foi necesario regular o tráfico

Finalmente, e logo de ser valorado no lugar do sinistro polos sanitarios mobilizados polo servizo do 061, o neno foi trasladado ao hospital Lucus Augusti na Uvi móbil, onde ingresou na Unidade de Coidados Intensivos para avaliar o alcance das súas lesións.

O seu irmán e a súa nai tamén foron evacuados en ambulancia asistencial ao Hula, onde a muller recibía a alta ao longo da tarde, mentres que o fillo maior permanecía en urxencias.

Por outra parte, o condutor e único ocupante do outro turismo implicado neste grave sinistro, un mozo lugués con raíces familiares no municipio, resultou ileso.

Para prestarlles asistencia aos feridos a central de emerxencias do 112 mobilizou tres ambulancias -dúas asistenciais e a Uvi móbil- ata o lugar do accidente, así coma persoal médico do PAC de Outeiro de Rei.

Os automóbiles, un Fiat Punto —no que viaxaba a familia— e un Peugeot 205, foron parar a ambas marxes da estrada logo do forte impacto, rexistrado á altura do quilómetro 3,5 da estrada LU-113, que une Rozas con Abadín.

Axentes do subsector de Tráfico de Lugo tiveron que regular a circulación rodada durante o tempo que duraron tanto os labores de atención aos feridos como os traballos de limpeza da vía, habilitando un único carril polo medio da estrada.

Comentarios