A Deputación de Lugo pide á Xunta que proporcione a concellos equipos de protección suficientes

Reclama "cantidades suficientes para poder desenvolver o seu traballo en condicións de seguridade"
José Tomé. EP
photo_camera José Tomé. EP

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, trasladou un escrito á Xunta de Galicia a través do que insta o Executivo autonómico a proporcionar aos concellos da provincia os equipamentos de protección adecuada para facer fronte ao coronavirus.  Nun comunicado, o presidente provincial explica que realizou esta petición despois de recoller a preocupación manifestada pola "inmensa maioría dos municipios" de Lugo relativa á falta de equipos de protección individual (Epis) para minimizar os riscos de contaxio do covid-19. 

No texto remitido á Presidencia da Xunta, Tomé pide á Administración autonómica que, "dentro das súas responsabilidades na crise sanitaria, proporcione a todos os concellos lucenses, canto antes, o material de auto protección en cantidades suficientes para poder desenvolver o seu traballo en condicións de seguridade". 

A Deputación de Lugo subliñou que, "cumprindo coa súa función esencial de cooperación cos concellos e como valedora das súas demandas, espera que a Xunta atenda, o máis axiña posible, as súas necesidades". 

Comentarios