Deporte e ensino, filosofía de vida

Creado no 2015, o ACD Piringalla recibiu unha distinción da Real Federación Galega de Fútbol

Luis Agra, adestrador da Piringalla, recibe o premio na gala galega de mans de Manolo Vilachá, delegado en Lugo da FGF. FGF
photo_camera Luis Agra, adestrador da Piringalla, recibe o premio na gala galega de mans de Manolo Vilachá, delegado en Lugo da FGF. FGF

A PIRINGALLA é referencia. Podería selo en moitos aspectos, pero este ano foino polo seu fútbol e tamén polo seu saber facer no deporte e na vida.

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) vén de premiar á ACD Piringalla polo seu labor de promoción do fútbol base na comunidade e especialmente na provincia de Lugo. Da man dun vello coñecido dos campos lucenses coma Luis Agra, o equipo medra cada ano de maneira exponencial. Luis Agra actúa de director deportivo da entidade, pero tamén como parte do corpo técnico. É o coordinador dun proxecto que botou a andar hai tan só catro anos.

"Quedamos sorprendidos cando recibimos o galardón por parte da Federación", responde o alma mater do ACD Piringalla ao preguntarlle pola distinción. Iso si, lévao con orgullo: "Estamos máis ca encantados, tanto os membros do corpo técnico coma os rapaces e os pais", asegura.

A Real Federación Galega de Fútbol recoñece a labor do ACD Piringalla no deporte base

A familia que conforma o equipo "é grande e compacta", segundo Luis Agra. Colaboran todos: nenos, adestradores, pais, árbitros... "Gañar en ocasións queda a un lado. Preferimos aprender e ter regularidade", afirma o director deportivo.

A maior parte dos xogadores, arredor duns 150 rapaces das categorías masculina e feminina, pertencen ás categorías de prebenxamín e benxamín, pero a ACD Piringalla tamén conta con seccións en categoría alevín, infantil e cadete. O obxectivo para a vindeira tempada era ampliar aínda máis o número de equipos. Por suposto, fíxose realidade. "A clave do noso crecemento está no boca a boca e na nosa filosofía de traballo", explica Luis Agra.

Case todos os rapaces pertencen á zona norte da cidade. Os valores que se lles inculcan non quedan ao azar. Por moito que o equipo medre, di o seu coordinador, hai unha barreira irrenunciable: a educación dos seus xogadores. "Os nosos adestradores teñen formación en Maxisterio ou especialidades relacionadas coa educación física", apunta. Sempre prima a ensinanza ao deporte.

Educación e civismo as vitorias do ACD Piringalla

"Se un dos nosos rapaces ten problemas cos estudos, intentámolo axudar e incluso optamos por apartalo do equipo para que se concentre mellor", afirma o director deportivo do club.

Unha das complicacións que afronta o proxecto pasa polo espazo para adestrar. A ACD Piringalla emprega as instalacións do campo das Gándaras, ademais do Luis López Gorgoso. As distintas seccións do equipo adestran dúas veces por semana, polo que resulta inevitable ter que compartir os complexos deportivos co resto de equipos.

En canto ao futuro a medio prazo, dende o club apuntan cara o crecemento dos rapaces que na actualidade militan na categoría cadete. "Chegará un punto no que haberá que afrontar a creación dun equipo senior", afirma Luis Agra, que non ve necesario buscar xogadores noutras formacións. "Mellor sempre dende abaixo para arriba", di, precisando que inculcar a filosofía do equipo dende o principio é un dos aspectos que levou ao éxito á plantilla.

Non son profesionais, pero teñen algo que os distingue dos demais. Cariño e corazón, xunto cunha dose de paixón polo deporte, situaron á Piringalla no mapa do fútbol galego.

Comentarios