Denuncian danos nunha mámoa localizada no polígono de Friol

Achacan os desperfectos a movementos de terra con maquinaria pesada

Os colectivos Patrimonio dos Ancares e Adega veñen de presentar no Servizo de Patrimonio da Xunta e no Seprona senllas denuncias por uns danos nunha mámoa debidos a movementos de terra con maquinaria pesada no polígono de Friol.

Segundo o presidente de Patrimonio dos Ancares, Xabier Moure, nese enclave hai unha necrópole megalítica formada por catro mámoas e sobre "a catalogada coa clave GA27020050, está a pasar maquinaria pesada, observándose claramente as profundas rodeiras, feito que está a danala e alterala gravemente".

Nesa liña, Moure insiste en que para a construción dunha nave neses terreos industriais, "os camións están a pasar, literalmente, sobre o túmulo megalítico e, ademais, ao seu carón están a acumular escombros das obras". Os denunciantes reclaman que se protexa o xacemento e se depuren responsabilidades.

Comentarios