De andares por Os Vilares

O proxecto multidisciplinar Lareira de Soños puxo en marcha unha serie de roteiros para dar a coñecer o patrimonio da parroquia
Participantes no primeiro roteiro de Andares polos Vilares, na presa de Merra.
photo_camera Participantes no primeiro roteiro de Andares polos Vilares, na presa de Merra.

O proxecto Os Vilares. Lareira de Soños non deixa de medrar. O que naceu coma un libro da man de Pastora Veres ao que se xuntou un documental complementario dirixido por Cibrán Tenreiro, propón agora unha actividade interactiva que ten como fin dar a coñecer a paisaxe, a historia, a etnografía ou a literatura da parroquia guitiricense dos Vilares.

A través da iniciativa Andares polos Vilares, todo aquel que o desexe poderá coñecer de xeito completamente gratuíto algúns dos recunchos máis destacados da parroquia. «Estas actividades tentan chamar a atención sobre o abandono do patrimonio natural, histórico e arqueolóxico, poñer en valor as potencialidades, coñecer a parroquia do noso poeta e reinvindicar actuacións para o ben común dos Vilares», explica Antón Tenreiro, un dos promotores destes itinerarios que se desenvolverán ao longo da primavera e do verán e que estarán guiados «por persoas coñecedoras dos temas aos que se lle dedique a andaina».

A primeira delas, denominada Roteiro das Fontes e dos Regatos, xa se celebrou, conducida polo vilarego José Ramón Sánchez Quintela, e logo desta chegarán outras propostas, como son os roteiros dos penedos, dos muíños, do patrimonio ou do Poeta Díaz Castro.

As próximas andainas permitiranlles aos participantes descubrir os penedos, os muíños ou o legado de Díaz Castro

As redes sociais ou a web dosvilares.com xa se fixeron eco dese primeiro percorrido, que partiu dos Castros e culminou na presa de Merra, con paradas nas fontes de Piabade, Mourente, Espiño, O Cando, Pontegafín e Tenxido, así como en catro antigos muíños.

Tenreiro lamenta o estado de abandono no que se atopan moitos destes elementos. «Ao lado de dúas destas fontes foron construídos depósitos de cemento, cun evidente impacto ambiental, e outras están practicamente desaparecidas, faltas de limpeza ao seu redor», explica sobre unha situación que tamén é extensible aos muíños.

«Están abandonados, deteriorados e faltos de sinalización, e mesmo un está recebado con cemento e ten un tellado de uralita, ademais de estar rodeados de vexetación», resume, lamentando o «nulo labor de catalogación, de sinalización e de limpeza deste patrimonio natural e etnográfico» desenvolvido ata o de agora.

Malia ao «escaso interese privado e público» detectado polos camiñantes á hora de conservar vellos elementos do patrimonio, os participantes destacan a beleza deste contorno natural e a necesidade de pór en valor o importante patrimonio etnográfico e paisaxístico dos Vilares.

Comentarios