Imprimir

Dawkins contra min

Javier Nogueira | 08 de mayo de 2017

Cando chegou á miña man 'El fenotipo extendido' non dubidei en aceptar ler e escribir sobre el. Foi un craso erro a pesares do meu enorme interese en todo o que ten que ver coa evolución da vida neste planeta

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

CANDO ESTIVEN en Nova York unha das miñas primeiras compras foi The God Delusion de Richard Dawkins, pouco menos que a Biblia do ateísmo —o paradoxo da expresión resúltame encantador—. A Dawkins coñecérao porque pola casa, nunha colección de libros de ciencia, estaba El gen egoísta, que tentara ler sen moito éxito. A boa pluma do biólogo británico demolía todos os argumentos dos relixiosos coa heterodoxia propia da xeración de intelectuais á que pertencía: Christopher Hitchens, Martin Amis, Salman Rushdie...

Por iso cando chegou á miña man El fenotipo extendido (Capitán Swing) non dubidei en aceptar ler e escribir sobre el. Foi un craso erro a pesares do meu enorme interese en todo o que ten que ver coa evolución da vida neste planeta, porque non se trataba precisamente dunha obra de divulgación senón dun libro técnico destinado a persoas cunha altísima formación en etoloxía, bioloxía, xenética e ata bioquímica.

Ás veces aos críticos pásannos estas cousas porque non somos todólogos. Así que comecei por onde debía: o glosario. Se vostede é un lector inocente coma min, use un marcapáxinas e téñao na páxina un desa sección durante toda a lectura: aforraralle dores de cabeza. E proseguín cunha lectura lenta e chea de traballo.

Por sorte dende o capítulo un Richard Dawkins deixa claro o seu obxectivo: desmontar a teoría dominante de que o individuo e o seu organismo son os principais protagonistas da evolución. Segundo o profesor británico, aínda que os xenes só controlen procesos relativamente menores dentro do proceso da vida, inflúen tanto en organismos superiores —que como se demostrou en El gen egoísta son autómatas programados para a supervivencia— como, e isto é o fundamental, no exterior.

Cando utilizamos un exemplo práctico disto o asunto enléase para o profano. Sabido é que os castores constrúen encoros: estas obras de enxeñaría natural son, segundo Dawkins, unha manifestación da súa xenética. O fenotipo estendido é, polo tanto, o efecto que os xenes causan sobre o mundo, fóra do corpo no que se atopan. O mesmo pode dicirse dos montículos das termitas e outras estruturas similares.

Na argumentación das súas teses non aforra Dawkins o seu característico escarnio e maldicir. Bandeira da escola neodarwinista, enfróntase abertamente con inimigos de dous polos. Por unha banda aos creacionistas, que utilizan bastardamente os argumentos de científicos como Stephen Jay Gould —grazas a quen sabemos que a evolución non foi progresiva senón que se produciu con chimpos abruptos— para desacreditar a Darwin. E pola outra aos seus inimigos dentro do darwinismo, en liortas científicas que supoño serán quen de valorar só os moi preparados.

Foi un Dawkins contra Nogueira e gañou Dawkins por K.O. técnico. Aínda que ben pode ser que o verdadeiro gañador si sexa un servidor, que aprendeu moito sobre xenética e bioloxía a base dun traballo digno dunha abella obreira e agora pode aspirar a deixar a crítica literaria e entrar no produtivo eido da expertoloxía, póla principal da todoloxía que antes mencionabamos.

No meu descargo direi que custa comprender a publicación dunha obra deste estilo fóra dun selo especializado, máis nunha editorial como Capitán Swing que coida os seus produtos e está dedicada a obras de historia, política ou comunicación. Non quero pensar que se mirase máis o coñecido nome do autor có contido da obra, accesíbel a pouca xente. Malia todo, a escritura científica de Dawkins, o tema tratado e a relevancia intelectual dos debates sobre xenética e evolución fan do libro unha peza imprescindíbel de cara aos vindeiros anos e unha lectura necesaria se un ousa estar ao día.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/noticias/dawkins-contra-min/20170508125456404833.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)