Imprimir

A danza mestra do Caralladas

El Progreso de Lugo | 08 de mayo de 2019

Darriba, con algúns dos seus traballos. JORGE LÓPEZ
Darriba, con algúns dos seus traballos. JORGE LÓPEZ

O castroverdés Pepe Darriba é un escultor serodio. Se cadra por iso, cando decidiu adicarse á artesanía, escolleu dar forma á madeira das árbores caídas para liberar a súa imaxinación

Pepe Darriba non se anda con caralladas. Ou igual si, e por iso lle quedou o alcume. Darriba Caralladas. Non se me ocorre nome mellor para un artista. Para un artesán. Para un home que un bo día, hai cousa de dez anos, colleu unha gubia e comezou a labrar na madeira ata hoxe. Sen pretensións. Sen ínfulas. Só definindo as formas que a natureza lle ofrece. Simple. Complexo. Fráxil e moi complicado.

 

 

 

A casa que Darriba ten na parroquia da Pumarega, en Castroverde, é a súa vivenda e tamén onde desenvolve o seu labor. Sempre fóra, ao aire libre. O local onde almacena as tallas é iso, un lugar de repouso. Pero o proceso ten que facerse en consonancia coa natureza, onde el se sente cómodo e pode dar renda solta á súa imaxinación.

 

"Eu traballo pouco as madeiras. Aproveito a forma que me dá a propia natureza. Nunca corto unha árbore para facer o meu traballo, senón que collo os troncos que están caídos para tallar neles. Hai material dabondo. Entón limpo un pouco a madeira e doulles algo de forma", explica o artesán.

 

O castroverdés explica o seu choio coma se fora fácil, pero non o é. Darriba é delicado e harmónico. Segue, efectivamente, o padrón que lle ofrecen as árbores -a poder ser, de castiñeiro ou cerdeira. "Son as madeiras máis nobres e trabállanse moi ben"-, pero leva o ritmo do baile ao seu antollo, deseñando unha especie de danza entre o home e a madeira na que ámbolos dous saen gañando.

 

A paixón de Pepe levouno a percorrer boa parte da xeografía lucense e galega ensinando as súas esculturas, pero tamén tivo sorte alén dos Ancares. Hai catro anos, varias tallas viaxaron ata Madrid, xa que a Casa de Galicia acolleu unha mostra do seu traballo. Unha experiencia que o artista recorda con agarimo. "Sempre é bonito poder amosar o que ti fas", asegura.

 

O Caralladas, iso si, cre que moitas veces non se valora o que fai, sobre todo na contorna. A pesar de ser seleccionado para diversos certames, Darriba indica que pasa "completamente desapercibido" e afirma que moita xente na localidade descoñece o feito de que, apenas a uns metros, hai un taller e unha colección moi importante de artesanía.

 

"Penso que as tallas valen para expoñer e para vender, pero realmente eu desfruto facéndoas. Cando estou traballando coa madeira son a persoa máis feliz que hai", conta o escultor.

 

Darriba non lembra moi ben o día exacto no que decidiu botarse cara adiante e comezar a tallar. Só que hai cousa dunha década empezou a facelo. "Eu tiña a cousa aquela de sacarlle o pelexo ás árbores e facer algo con elas. E un día empecei e aquí seguimos", indica Pepe, que recoñece que pode pasar unha semana enteira sen levantar a man da gubia e sen apenas inmutarse.

 

As esculturas de Darriba teñen historia propia, algo que o artista está a poñer por escrito para que non se dilúa co paso do tempo. Loliño da Viladóniga, A Croca, Carrizal... "Non quero que se perda o que son", conta o escultor. Porque as madeiras poden ser só cachos de madeira. Pero nunca se anda por alí o Caralladas.

 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/comarca-lugo/danza-mestra-do-caralladas/201905081948251375251.html


© 2020 El Progreso de Lugo

Rúa Ribadeo 5, Lugo

Tlfno: 982 29 81 00

(Grupo El Progreso)