A danza como vehículo de diversión

A Escola de Movemento de Vilalba programou por segundo ano un campamento de verán no que participaron ao redor de 25 pequenos

Os sons tradicionais, as acrobacias ou os bailes creativos foron algunhas das exitosas propostas do campamento Diverdance promovido pola Escola de Movemento de Vilalba, onde os pequenos empregaron a danza como vehículo de diversión.

Un total de 25 foron os nenos, con idades comprendidas entre os tres e os doce anos, que se sumaron a esta iniciativa, que conxuga a arte do baile con outras actividades igualmente enriquecedoras.

Así, ao longo de cinco intensas xornadas, os asistentes puideron iniciarse na técnica do ‘thera-band’, que permite unha preparación física a través de cintas de diferentes cores. Ademais, ensaiaron unha coreografía e gravaron con ela un divertido videoclip.

Tamén se achegaron aos sons máis tradicionais e ás acrobacias adaptadas á súa idade. «O noso obxectivo fundamental é que os nenos o pasen ben, mezclando a danza con outras actividades que lles poidan gustar», sinala Noelia Blanco, a encargada da Escola de Movemento, satisfeita co novo éxito colleitado nesta segunda edición.

Ademais dos obradoiros vencellados ao baile, os rapaces tamén tiveron un oco para os xogos predeportivos, para a creatividade, para gozar dunha xincana polas principais rúas da capital chairega e para mollarse, con entretidos xogos.

De cara ao próximo ano, Noelia espera poder ampliar en dúas semanas esta iniciativa. «Ademais, gustaríanos ofertar un horario máis amplo que se adaptase ás necesidades dos pais, así como traer especialistas», conclúe.

Comentarios