Daniel Irimia Yáñez: "A literatura galega é un xardín fértil e florecente que non regan"

O cospeités, aos seus 23 anos, conxuga as ciencias -é licenciado en Bioloxía pola USC e está cursando un máster en Garanada- coas letras. Con tres premios literarios na súa curta bagaxe e un poemario publicado, xa ten varios novos proxectos en mente. 

O cospeités Daniel Irimia Yáñez. EP
photo_camera O cospeités Daniel Irimia Yáñez. EP

O cospeités Daniel Irimia acaba de presentar en Castro de Ribeiras de Lea a súa ópera prima  Cristal de bágoas, un poemario co que gañou en 2017 o certame literario O Facho, que lle abriu a porta para publicar os seus versos. 

Como definiría o seu libro?
En primeira instancia pode semellar un mero exercicio de lexicoloxía, pero está moi lonxe diso. Reflicte un punto de inflexión entre a propia infancia e a adolescencia, moi marcado pola  reconstrución do tempo en que vivimos. É un acto verdadeiro de aprendizaxe, pois realmente é o único instante de complicidade co tempo, independentemente da idade. Pero se o eu máis  retranqueiro tivese que definir o poemario diría que ler ‘Cristal de bágoas’ é coma tomar un licor café feito coa primeira augardente que se destila.

Que sentiu ao ver a súa obra?
Moi realizado e agradecido tanto á xente da agrupación cultural O Facho como á da editorial Medulia. Un bota a ollada atrás e pensa que está a carón de Lois Pereiro, Manolo Rivas ou Xabier Cordal e isto si que é un bo catalizador, e non determinadas substancias que engaden a certos produtos para facernos adictos ao capital.

Como está funcionando o libro?
Moito mellor do que agardaba. Tivemos dúas presentacións, na Coruña e Terra Chá, que foron xeniais; moi especialmente está última pola gran afluencia de público, amigos, coñecidos, xente nova... Agardo facer algunha máis no verán. En canto á súa venda, creo que xa hai un Cristal de Bágoas en todas as provincias galegas; non sei se polos amigos que teño repartidos pola nosa  xeografía, se grazas ás borrascas do Atlántico que alimentan a lectura.

Na presentación en Castro estivo acompañado por Xabier Cordal e Darío Xohán Cabana. Que significan estes nomes para vostede?
Ambos son persoas das que aprendín e aprendo moito, e aínda que soe oufano, eles tamén o fan de min, e a maneira de compartir perspectivas sempre enriquece. Xabier Cordal foi mestre meu no instituto, e dos bos, dos que activan, dos que espertan, dos que fan pedir máis. Para min significa empatía, retranca e xenio. Darío é o meu curmán e iso nótase ben no temperamento de ambos,
sempre logra activar a miña parte máis pura, que é a emocional. É a personificación do esforzo, é sinceridade, conversa e talento.

Estudou Bioloxía. Letras e ciencias poden ir da man?
Van da man en dous puntos transcendentais: o de partida e o de chegada. É dicir, na capacidade de experimentación e na finalidade de servir e ser transmitidas á sociedade. Unha como vehículo  cultural e outra como vehículo funcional. Non me xerou ningún problema ter un hemisferio cerebral para a poesía e outro para a bioloxía, todo o contrario, quérense, enriquécense, dependen un do outro loxicamente e saben conceder o tempo que lles toca a cada un. As ciencias e as letras deben ir da man se queren conseguir obxectivos comúns coma o benestar e mellorarnos como persoas.

Como se iniciou na literatura?
Non lembro ben o día no que merquei ‘Cabalgada na brétema’ do Darío, pero si que despois de lelo necesitaba facer algo similar. A mellor poesía xorde da necesidade de escribir, sen embargo  tampouco tiña moi claro que facerlles a eses textos. Envieillos ao Xabier e el deume os suficientes ánimos como para seguir escribindo e envialos a un certame. Resulta que fun premiado e a partir de aí, como me gusta dicir, todo dexenerou neste errado tento de poeta. 

Que busca transmitir a súa obra?
Polo de agora non vai máis aló dun 3º, un 2º e un 1º premio de poesía en tres certames distintos, pero se algo pretendo nela é rachar co canon de estilo gráfico. O que pretenda transmitir prefiro que o digan os lectores. Hai obras que son verdadeiros comodíns sentimentais, procurarei que a miña non entre nesa deriva. 

Ten máis proxectos en mente?
Teño tres materias moi interesantes de agrodiversidade, etnobotánica e restauración terrestre, amais de terminar co TFM. Non todos somos afiliados ao PP; o bo diso é que o noxo e as inxustizas tamén inspiran. No tema literario teño tres proxectos moi ambiciosos, un poemario e dúas novelas. Unha para que me perdoen a outra, pois será en castelán. 

Publicar sen certame literario de por medio é moi difícil? Faltan apoios para os novos creadores?
Algunhas editoras supoño que botan unha boa e sarcástica gargallada se lles dis de publicar nos tempos que corren. É moi complicado. Falta evidentemente o eco que debera dar o poder político e  os medios de comunicación para xerar novos creadores e para que a propia creación chegue á sociedade. Cando remate o ano dime cantos autores menores de 30 anos publicaron en galego sen premio literario por diante, e direiche o nivel de vergoña ao que ascende o país na escala  occidental. 

Como ve o futuro?
Estamos inmersos nunha crise política, cultural, económica e ecolóxica por incorporar ata a profundidade o sistema capitalista ianqui. A pésima xestión disto fai que o reto sexa ter un futuro digno. Pero o peor disto é que están destruíndo a capacidade de resposta, que non é nin máis nin menos que unha conciencia social unitaria. O futuro non pode ir polo eido da cultura se perdemos tres galegofalantes ao día; eu só pretendo ser un mestre ou investigador dunha universidade, a poder ser galega, pero se teño que emigrar fareino. Non estou disposto a que un fato de desleixados tiren por terra o esforzo da miña xeración.

E o panorama literario galego?
A literatura galega vive tempos nos que quere proxectarse cara a fóra, pero está profundamente lastrada pola ausencia de iniciativas gobernamentais. Observo unha gran diversidade de formas axudadas polas novas tecnoloxías, pero tamén unha gran calidade nos textos, sobre todo en
escritores emerxentes que están chamados a manter a vitalidade  da escrita galega. Gústame dicir que a literatura galega actual é un xardín fértil e florecente que non regan. Debemos agradecerlle á Consellería de Cultura e a todas as súas secretarías que prefiran os escritores mortos, que lle fagan as beiras ao grupo Gadisa, que redacten o guión dos telexornais...

"O mellor soño que se me ocorre é ter familia e vivir na Terra Chá"
É de Momán, en Cospeito. Como llo presenta a quen non o coñece? 
Finais da primavera. 21.30 horas. Altocúmulos e solpor diante da miña propia casa. 
Un afección? 
A conversa cos amigos.
Un autor para recomendar?
Lois Pereiro.
Un libro que hai que ler?
Suicidas, de Cortegoso. 
Unha festa á que sempre invita? 
Á de Momán de Abaixo, se mo permiten os estudos, que nese sentido si que me amolan.
A mellor aventura é...
Calquera da infancia no pobo.
Unha película?
A lingua das bolboretas
Hai que defender a poesía?
A sociedade que non defenda as súas manifestacións culturais está chamada a podrecer na infamia.
Un soño?
Sonche un animal coma ti. Ter familia e vivir na Terra Chá é o mellor soño que se me ocorre. Agora ben, non renuncio a nada que abranga a miña capacidade de esforzo, que non é pouca.
A Terra Chá é terra de grandes escritores. Ten algún referente? 
É terra de grandes escritores porque exite unha radiografía secreta da forma de habitar o espazo tensado por un auténtico verxel de natureza. E aí poderiamos deixar falar os versos de Manuel María, Aquilino Iglesia ou meu curmán Darío. Non me gusta falar de referentes porque non me gustaría asemellarme a ninguén, pero o capital que nos dá o Darío sempre llo agradecerei. 

Comentarios