Da horta galega ao mundo

Con 31 anos de historia, Horsal roza os 150 socios e facturou un 21% máis no 2016 ► Exportar pemento de Padrón a Suíza é o seu seguinte reto
O xerente da cooperativa Horsal, Fernando Veiga, con traballadoras preparando a leituga
photo_camera O xerente da cooperativa Horsal, Fernando Veiga, con traballadoras preparando a leituga

Fundada no 1986 por uns 18 agricultores da zona de Cambados e Ribadumia, trinta e un anos despois, a cooperativa Horsal suma 148 socios e pechou o exercicio pasado cunha facturación de 2,8 millóns de euros, un 21% máis que no 2015. Leituga, feixón, cebola chata, repolo, grelo, tomate, acelga, cabaciña, berenxena e kiwi son algúns dos froitos do traballo destes produtores, que abastecen os andeis de Mercadona, Vegalsa-Eroski, Dia e Lidl, ademais de pequenas tendas e locais de restauración do Salnés cando chega o verán.

Cunha produción de 2.300 toneladas, Horsal crebou as barreiras do mercado nacional ao colocar o seu pemento de Padrón no Reino Unido, Holanda e Alemaña. Así o explica o xerente, Fernando Veiga, quen avanza que se están a preparar para dar o salto a Suíza. "Trátase dun produto que gusta e que está bastante introducido por Europa adiante, pero é complexo poder competir en prezo coa produción que vén de Marrocos ou do Levante, polas súas estruturas produtivas e os custos da man de obra". Fronte á feroz competencia, Horsal tira de valor engadido, ao producir un pemento que nace de sementes autóctonas e tradicionais, colleitadas cada ano nunhas parcelas seleccionadas con moito tino, un proceso que se estende á cebola chata.

A cooperativa ten socios no Salnés, Cuntis, Caldas, Moraña, A Estrada, Marín e mesmo nalgunhas zonas da Coruña, Lugo e Ourense

Cuns cultivos que foron evolucionando para axustarse ás demandas do mercado —o que se traduciu na incorporación da berenxena hai poucos anos, a recuperación do cabaciña e mesmo do tomate negro de Santiago, unha variedade autóctona—, Horsal fai produción integrada de pemento de Padrón, tomate e feixón, aplicando técnicas de loita biolóxica e incluso plantas trampa que actúan como repelentes fronte a algunhas pragas. Malia que os cultivos non teñen certificación ecolóxica, debido á proximidade dos viñedos do albariño e ao uso de funxicidas no caso da leituga de inverno, o xerente sostén que cada vez procuran tirar máis de produtos de residuo cero, autorizados na agricultura ecolóxica, de tal forma que na maior parte das plantacións non aplican tratamentos químicos.

PREZOS. A cooperativa con sede en Cambados, que confía en que o seu volume de negocio volva crecer máis de dous díxitos en 2017, indica que nos últimos anos, nos que os prezos dos alimentos se mantiveron planos ou incluso á baixa, Horsal procurou mellorar a renda dos agricultores "sendo máis eficientes no proceso de comercialización". "Con prezos moi similares ao 2015, o ano pasado fomos quen de incrementar o prezo liquidado aos produtores un 5,7% respecto do exercicio anterior", remarca o xerente, quen incide en que xa van "dous anos" nesta liña.

A preocupación por reducir custos é unha constante e por iso Horsal ultima a instalación de placas fotovoltaicas para aforrar no recibo da luz. A idea é que estean operativas este mes co fin de poder producir a súa propia enerxía e así alimentar as cámaras de frío, que axiña estarán funcionando a pleno rendemento ao chegar o verán nas instalacións de Cambados, onde unhas 20 persoas traballan no envasado das hortalizas.

Con 25 hectáreas de cultivo, das cales 13 son invernadoiros, a sociedade percibiu nos anos máis duros da crise como moita xente volveu á horta, un nicho pouco explotado en Galicia. Hoxe, dos 148 socios de dereito, 97 están activos á fronte de cultivos no Salnés, Caldas, Cuntis, Moraña, A Estrada, Marín e incluso dende algunhas localidades da Coruña, Lugo e Ourense.

Comentarios