Curso comezado

(*)OS RESULTADOS do gasto en ensino público, mais as subvencións ao privado (dito en vergonzante “concertado”), poden ser examinados como calquera outro gasto público en función do seu rendemento ou resultado. Dito en breve, pódese examinar a eficacia do gasto. É dicir, non nos interesa neste momento, levar o pensamento a xustificar a existencia de ensino público como fin de coesión social, nen como direito á cultura que temos os seres humanos en sociedade, nen como medio persoal de crecemento nen sequera como instrumento de goce persoal.

Só como se fósemos economistas vulgares examinando o gasto e os seus resultados. E é terribel. Poucas veces vimos medios tan mal empregados e con resultados tan pobres, polo que estamos incitadas a deducir que é proposital. Senón é a mantenta, o cal é aínda pior: é conduta atolondrada que no caso do gasto público é pior que mal. E non se trata, en absoluto, de buscar de forma facilona a responsabilidade nos primeiros atinxidos: os mestres do ensino público, neste país e neste momento son excelentes, como proba a excelencia dos resultados dos seus bos alumnos que logran postos en centros europeos e estadounidenses competindo cos mellores do mundo. O nível de excelencia dos mestres ven dado, neste caso, polo nível dos seu mellores alumnos. Tampouco podemos mirar a “calidade” dos alumnos porque, que eu saiba, os seres humanos somos de calquera maneira. Pero é o material que hai, só pode escoller o criador de Frankeinstein e non estamos nese escenario…

Se medimos a eficacia polos resultados en alfabetización amosados a través dos títulos de fin de estudos conseguidos, no ensino obrigatorio cífranse arredor dun 30% (como media española) os abandonos antes da obtención de títulos. Non é precisa máis búsqueda para cualificar de disparate o sistema existente.

Imaxinemos que comparamos o 30% de resultado cero con outros servizos no ámbito público, infeccións hospitalarias, por ejemplo. Imaxínenese unha sanidade dun país como o noso no que de cada 10 doentes hospitalizados 3 saísen infectados: grande escándalo social, inadmisíbel.

Imaxinemos, noutro ámbito, que fose normal que das estradas construídas o 30% foran sede de baches seguros: inadmisíbel, de novo. Imposibel aceptalo, ou que o 30% dos servizos de ferrocarril proporcionado por unha empresa pública como é Renfe- por agora- se equivocasen de percorrido e os trens fallasen en destino o 30% das veces: resulta até esperpéntico pensalo.

Porén, non é obxecto de escándalo xeral que teñamos entretidos durante 13 anos- a tempo completo- á poboación infantil e moza, e, o 30% sexan analfabetos cando menos funcionais e algúns tecnicamente, totais.

Non precisamos tratar dos asuntos referidos á análise dos contidos, xa iso requeriría definir o papel social do ensino e con estes resultados, é totalmente inútil. Mais ben estamos por asegurar que os nenos saen adiante a pesares do sistema de ensino español: a raza humana évos moi dura.


(*) Se mantiene el idioma original.

Comentarios