Opinión

Cum laude

A ESTA altura do ano, repítense as cerimonias de graduación nas universidades de todo o mundo, e son milleiros os estudantes que se enfrontan ao dilema de qué facer de agora en diante. Hai dúas semanas, os alumnos de artes da Universidade de Nova York estiveron acompañados por un padriño de luxo, Robert de Niro. Loxicamente, non viña a facer un discurso rutineiro, como o que faría calquera aburrido profesor. El veu a provocar, como si estivera tentando baixarlles a moral aos recén graduados, foilles repasando tódalas carreiras que poderían ter cursado e que lles asegurarían un futuro mellor. De Niro laiouse de que estes rapaces non tiveran estudado outras titulacións universitarias, como odontoloxía ou dereito, economía ou mestre. Todas preferíbeis antes que as artes que eles escolleran. Naturalmente, as capacidades oratorias dese gran actor que é de Niro foron quen de darlle a volta ao discurso, e acabou por convencer aos sorprendidos estudantes, pais e profesores de que cursar artes foi o mellor que puideron ter feito na súa vida.

O debate sobre a utilidade das carreiras repítese unha e outra vez, incluso neste momento tan particular no que semella que ningunha garante un emprego digno

Este debate sobre a utilidade das carreiras repítese unha e outra vez, incluso neste momento tan particular no que semella que ningunha garante un emprego digno. Alá van os tempos nos que facer tal ou cal carreira ou máster era un salvoconduto cara o éxito na vida. Aínda así hai quen insiste na utilidade das titulacións, particularmente das de letras e humanidades, que veñen a ser presentadas como saberes inútiles. Sen embargo, ollando cara o mundo, dámonos conta de que unha boa parte dos dirixentes políticos e empresariais que moven a sociedade actual veñen dese ámbito. Xente como Nick Clegg, ata agora viceprimeiro ministro inglés, estudou arqueoloxía e antropoloxía, ou David Cameron, actual primeiro ministro, que cursou Políticas e Filosofía; un en Cambridge e outro en Oxford. Tamén no mundo da empresa atopamos a Ted Turner, fundador da cadea CNN, Stephen Spielberg, director de cine ou George Soros, tal vez o maior inversor de bolsa do mundo.

Quero dicir, neste momento no que tantos estudantes se enfrontan ao dilema de escoller carreira, que a universidade é un mundo complexo que ofrece oportunidades diversas, tanto para o que xa ten orientada a súa vocación cara un campo especializado moi concreto como para o que quere madurar persoal e academicamente. Será despois, cando rematen o grao e, no seu caso, o máster, cando terán máis claro que queren facer na vida, e que oportunidades se lles presentan. Por exemplo, no momento actual, isto último semella máis importante, e tristemente a maioría das saídas pasan precisamente por fuxir do país. Pero esta é outra cuestión e hoxe non quería falar de política.

Comentarios