Cultura dedica máis de 210.000 euros á restauración da igrexa de Lousada

O templo samanense, de orixe románica, poderá recuperar o culto despois de décadas
2020060213210125702
photo_camera As obras incluirán a consolidación da estrutura, renovación da cuberta e restauración do campanario. ARQUIVO

A igrexa de San Martiño de Lousada (Samos), considerada unha das primeiras manifestacións do románico na provincia de Lugo, será sometida a unha restauración financiada pola Consellería de Cultura e Turismo con más de 210.000 euros. As obras incluirán a renovación da cuberta e a consolidación de muros e arcos deste templo, que se atopa en grande estado de deterioro e que poderá recuperar o culto despois de medio século de ausencia.

Os traballos de restauración saíron a licitación este luns, cun prazo de execución de seis meses e un orzamento de 211.482 euros. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o día 29 deste mes e o obxectivo é que a actuación estea lista de cara ao vindeiro Ano Santo 2021 ao atoparse a igrexa no Camiño de Santiago.

Para poder acometer estas obras, a consellería asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Lugo no que se inclúen este e outros inmobles eclesiásticos.

Segundo consta no proxecto, a intervención prevista suporá a consolidación das fábricas para recuperar a estrutura, moi danada nalgunhas partes, afectadas por derrubamentos. Tamén se renovará a cuberta, mantendo a súa tipoloxía e os materiais autóctonos (madeira de castiñeiro e lousa). Ademais, farase unha drenaxe, tanto perimetral coma no interior, revocadura con morteiro de cal das paredes, nova instalación eléctrica e de iluminación, restauración do campanario e acondicionamento do acceso a través do adro.

Estes traballos permitirán "resolver as patoloxías existentes, recuperar o uso da igrexa para o culto e acondicionar os espazos exteriores do adro para mellorar a accesiblidade", indicou a Consellería de Cultura e Turismo.

O párroco, Miguel Gómez, lembrou que a restauración da igrexa de San Martiño de Lousada era unha vella aspiración dende hai uns 25 anos, cando se proxectou por primera vez, polo que considerou unha "grande alegría" que finalmente se faga realidade.

O sacerdote, que tamén é o delegado de patrimonio de ben inmobles da Diocese de Lugo, puxo en valor as características deste templo —que está catalogado e protexido ao estar incluído no Inventario das Normas Subsidiarias Provinciais do 1991—, así como a contorna natural na que se atopa e o interesante conxunto que forma xunto coa capela de San Román.

Segundo avanzou, de xeito paralelo a estas obras de restauración os veciños acometerán unha reorganización do cemiterio.

A igrexa de San Martiño de Lousada é de orixe románica, volume sinxelo e ornamentación austera. Ten ábsida cadrada, nave principal rectangular e nave lateral ao norte separada por arcos de medio punto. Entre os elementos de interese atópase o campanario de dobre arco, o pavimento interior de grandes lousas, a pía bautismal de granito e pinturas nos arcos.

Comentarios