Cuestión de comenencia

VIVIMOS nunha época moi dinámica. É tal a cantidade de cambios que suceden a diario que é probábel que non sexamos capaces de asimilalos.

Uns son de importancia decisiva para a vida en sociedade. Uns outros son pequenos detalles que son mostra das características do poder económico que domina.

Entre os primeiros é realmente preocupante a muda que a crise produce e seguirá producindo no benestar dunha grande parte da cidadanía: paro, peches, desindustrialización, desinvestimento, volatilización dos aforros, inseguridade no futuro... É tal a profusión de acontecementos graves, que non precisamos afondar na fileira de desgrazas se non facemos outra cousa que nos laiar.

Imos, xa que logo, cos pequenos detalles.

Até hoxe, os consumidores responsábeis que compraban alimentos con data de caducidade tiñan en conta de forma sagrada o mandato da etiqueta. Ben, pois poden deixar de compriren co mandato. Alguén acaba de descobrir que vai ser posíbel estudar o poder alongar os períodos úteis do consumo garantido. Isto é demasiado!! Así que agora mesmo é flexíbel a caducidade! Pero, é que se volveron tolos os dirixentes das grandes compañías produtoras de alimentos perecedoiros e envasados?

É que xa non se pode ter seguridade nin nas etiquetas dos iogures? Até onde imos chegar!! Apontemos unha idea: imos chegar ao mesmo ponto de onde partimos. Podemos volver a empezar e facer os iogures na casa, que neses non fai falla tremer abaneados polo terror da etiqueta de caducidade. Ou ben podemos retirar mesmo violentamente o veo da seguridade presunta das compañías de grandes marcas. Uns criterios van e outros veñen, segundo sexa a comenencia da estratexia de negocio da compañía. Acabamos de descobrir que a defensa dos intereses dos consumidores da boa calidade e garantía de salubridade dos alimentos non era máis que unha pantomima, unha pucha de quita e pon, que se pode abandonar cando deixar de convir.

Dúas son as explicacións plausíbeis do anuncio das autoridades correspondentes (comunitarias e do ministerio español): ou ben é preciso alongar o período de permanencia nas distribuidoras/supermercados dos envasados, aforrando os custos de persoal (exame e reposición), ou ben é unha manobra de sondaxe de opinión, para o lanzamento de novos produtos de longa duración substitutivos dos actuais. Esta necesidade viría da man da deslocalización, tamén, das producións de alimentos. O aforro de custes,producindo en países con baixos custes salariais e de recursos, serían precursores do beneficio necesario nunha competencia global. Así, pódese renegar de case todo, mesmo da necesidade de respectar garantías sanitarias que cun crudo rigor padeceron os produtores locais. Con ese mesmo rigor foron desaparecendo marcas e fábricas galegas incapaces de facer fronte ao rigor ‘sanitario’.

Comentarios