VANESSA SOMOZA, CANDIDATA DE EN COMÚN UNIDAS PODEMOS AO CONGRESO

"En Cuba vívese cunhas necesidades básicas cubertas que aquí non están atendidas"

Ten 43 anos, milita en Esquerda Unida "dende sempre" e é afiliada dende 2015, a primeira vez que foi nunha lista electoral. Coa de agora son tres e avisa de que para poder facer as políticas que quere, En Común Unidas Podemos ten que ser a máis votada. En abril foi cuarta
Vanessa Somoza. SEBAS SENANDE
photo_camera Vanessa Somoza. SEBAS SENANDE

Quen é Vanessa Somoza ademais de candidata a deputada?
Son deseñadora gráfica e artista plástica. O que máis me gusta é pintar e compartir un pouco os meus coñecementos, imparto ensinanza non regrada. Penso que a pintura, o deseño e a publicidade son mundos moi potentes. As miñas paixóns son o social e a arte.

É de Sarria, unha vila moi politizada. Vén de aí o seu ou de familia?
É unha vila moi polarizada ás veces. Tivemos de todo. Na familia hai tradición de mobilización, non de política institucional.

A que estilo artístico diría que se parece hoxe o noso país?
Ao expresionismo alemán, xusto despois da II Guerra Mundial. Estamos en momentos moi polarizados, de moita axitación. Engadiría un pouco doutro estilo para dar un pouco de esperanza.

E que país lle gustaría pintar?
Eliminaría os privilexios dos poderosos, para facer un país moito máis equitativo, no que non houbera ningún abandonado, a xente non tivera que durmir nas rúas, non quedara sen casas, tivera atención sanitaria a tempo, puidera acceder á educación. E borraría absolutamente o fascismo.

"Os técnicos de Facenda avalan o noso programa económico, é a proba de que se pode facer un país máis xusto"

Soa a retórica. Á hora da verdade é máis difícil propoñer ca facer?
Nós temos un programa de máis de 850 medidas, con melloras para as clases populares e con fórmulas económicas para conseguilo. Os técnicos de Facenda avalan o noso programa económico, é a proba de que se pode conseguir. Hai que ter vontade política e non hai que ter ataduras. Se lles debes algo aos bancos e ás empresas grandes por estar en consellos de administración, igual é un pouco utópico.

Son críticas que lle fan ao PSOE, o seu socio preferente. Confían en levalo ao rego?
A forza maioritaria vai ter maior poder de negociación. Se somos nós poderemos facer realidade algunha desas cousas, ou todas.

A realidade é que nas sucesivas convocatorias electorais, a coalición de EU-Podemos foi perdendo apoio social, en todos os ámbitos, dende o nacional ao local.
Máis que perder apoio social, o que se viu en abril foi un medo feroz ao ascenso de Vox e da ultradereita, e iso fixo que moitos dos votos que tiñamos foran ao PSOE, coa escusa do voto útil.

Palabra tabú. O seu peor inimigo?
Hai que saber cal é o voto útil. Non o é a un partido que demostrou que non vai derogar as reformas laborais e a lei mordaza. E no canto de parar a extrema dereita, despois de ver a Carmen Calvo dicindo que Primo de Rivera era unha vítima máis, quedou claro que non son o freo nin moito menos. O que pasa é que é difícil chegar á xente. Non temos moita presencia nos medios de comunicación e os nosos son máis limitados.

Sobre a necesidade do comunismo: "Se se entende como a forma de ter unha sociedade máis xusta e equilibrada, si"

Adoitan culpar aos medios, ao sistema... Algunha autocrítica?
Sempre. Está claro que hai cousas que se fixeron mal e que se foron arranxando. O problema principal é o sistema no que vivimos, que está esgotado. E está claro que nos van atacar con todo o que poidan aos que queremos cambialo.

É comunismo o que precisamos?
Se se entende como a forma de ter unha sociedade máis xusta e equilibrada, si. Pero tampouco quero poñer ningunha etiqueta.

Esa descrición non se axusta moito ao comunismo que coñecemos.
Quizais non. É que estamos vivindo temas de revisionismo histórico en tódolos sentidos. O comunismo deu resultados durante un tempo, nos primeiros anos da URSS, por exemplo.

Para ser claras, cambiaríase vostede por vivir en Venezuela?
Realmente vivín alí cando era moi pequeniña, cun sistema distinto ao de agora. Creo que teriamos que estar alí para saber realmente o que pasa. Cambiaríame por un país no que tes dereito á vivenda, á educación e aos servizos básicos.

Por exemplo?
Igual Cuba, é algo máis sa.

Cre que se vive mellor alí?
Non o sei porque non estou alí. Polo que me chega sei que se vive cunhas necesidades básicas cubertas que aquí non están, cada día hai máis xente vivindo na rúa.

Apela ao verdadeiro voto útil. En que lle foi útil a súa coalición a Galicia? Votou menos investimentos.
Votamos uns orzamentos malos para Galicia para poder facer emendas despois, que é diferente. Votar que non sería seguir cos de antes, que eran igual de malos.

Non chegamos a coñecelas.
Non deu tempo. Pero xa se dixo iso dende o primeiro momento. Pero dende o que se fai e o que se di ao que logo calla...

Se o 10-N sae un Goberno conservador, sentirase corresponsable?
De ningunha forma. Combatemos a ultradereita como sempre dende a rúa e dende as institucións. Non tivemos ningunha culpa na repetición electoral. Non podiamos dar carta blanca a Sánchez para facer o que quixera, sen termos competencias.

Séguense ofrecendo para a coalición. Que cambiou?
O que se ofrece é unha coalición para facer políticas de esquerdas, con competencias, non sillóns.

Comentarios