Crítico por sistema

"Tomo unhas cantas con Adam Michnik, que é, coma o seu compañeiro Lech Walessa, unha das grandes figuras asociadas á chegada da democracia en Europa do Leste"

AS PRINCIPAIS viaxes do verán teñen que ver con ter tempo para ollar e falar: aboiando bandullo arriba diante dun porto branco ou co pracer de baixar conversando tres xerras de cervexa de trigo mentres agardas unha revelación que, como as bágoas de San Lourenzo, sempre aparece polo estremo da túa atención.

GUSTO

Que difícil é encaixar unha persoa que sobrevive moitos anos ao seu propio momento histórico. Estou con Adam Michnik aquí, en Sopot, no Báltico polaco; temos apacibles restaurantes, un longo e instagrámico esporón de madeira entrando no mar suave, un balneario digno de suicidas da nobreza rusa e excelentes cervexas servidas en xerras de dimensión civilizada. Tomo unhas cantas con Adam Michnik, que é, coma o seu compañeiro Lech Walessa, unha das grandes figuras asociadas á chegada da democracia en Europa do Leste. Podería terse quedado aí e ser desde entón un floreiro para eventos conmemorativos. Pero Michnik tivo a ocorrencia de continuar escribindo na Gazeta Wyborcza, opinando sobre a democracia que el contribuíu a traer ao país. O personaxe que viña en camiño crebouse para continuar sendo o que xa era: un profesional da escrita e un home crítico non só co sistema, senón por sistema.

OÍDO

En Sopot tamén está Javier Cercas, de quen eu tiña os prexuízos habituais dos culturetas galegos sobre os intelectuais con presenza nos medios madrileños. A proximidade, coma sempre, quítanos a parvada e de Cercas sorprendeume o claro que tiña o sentido da súa escrita. «Unha das funcións da literatura é entender», contou. Referíase a usar a literatura como exploración pausada dun conflito, dunha decisión. Para min, que veño en parte do mundo do código fonte, esa visión da escrita como artefacto cun sentido práctico resultoume ben interesante. Cando escribín ‘Vento e chuvia’, tentando reproducir os relatos mitolóxicos da nosa Idade do Ferro coma se foran transcricións etnográficas, entendín a época alén das lecturas. Como me pasou co propio Javier Cercas.

OLFACTO

Tiven un relampo do que debía ser a plena felicidade, flotando boca arriba no mar en Amalfi, sur de Italia, coas casiñas e os socalcos inzados de lemoeiros por riba miña e a brisa traéndome o seu arrecendo. Para min, de sempre, os cítricos son moito máis que froitas. Por iso devorei este libro, propio dun verán cálido e amante: ‘El país donde florece el limonero’, de Helena Atlee (Acantilado). Nel revélase que é posible facer un relato cultural de Europa a partir das súas froiteiras. Vivimos nun continente no que a cultura hibrida dun xeito tan misterioso coma o nacemento azaroso de novas variedades de laranxo.

VISTA

Agardei a noite de San Lourenzo na illa de Sálvora, o berce dos meus. Deitado no medio da eira na que traballaron as miñas devanceiras, observei o mesmo ceo estrelado que elas e vin esvarar os meteoros. Alén de certa emoción, comprobei unha vez máis como un pequeno invento transforma un ecosistema cultural: non se pode entender a moda astronómica sen os punteiros láser que se mercan nas tendas chinesas. Iso si, logo faremos congresos de divulgación científica e teorificaremos ao redor das dinámicas sociais.

TACTO

No idílico illote de Areoso da Arousa, o equipo dirixido pola arqueóloga Patricia Mañana escava para a Xunta un dolmen soterrado baixo a area. Esta intervención é como unha exploración da permanencia: o monumento foi reempregado durante milenios, engadíndolle banquetes e ofrendas, como unha conxura ao maior dos medos da nosa especie, que é o medo á desaparición.

FARTURA

A pesar do que digan o xa inaturables Facebook e Twitter, a esencia do país é a fartura solidaria. Pénsoo mentres volvo a casa vacilante, unha noitiña máis, tras visitar a calquera dos veciños da miña aldea para algunha consulta de urbanita. A resposta ás miñas dúbidas adóitana buscar no fondo de varias cuncas enchidas con viño honesto e doméstico, alí onde se garda o secreto da supervivencia rural.

Comentarios