Cristina López: ''No hay registro de cuantos pueblos hubo allí; nuesto guionista llegó a contar 26''

Cristina López é a produtora e promotora de Asolagados, un documental que rescata os pobos que quedaron sumerxidos no río logo da construción do encoro de Belesar. Un proxecto que nace co colectivo Co auga ó pescozo, integrado polo director do filme, David Vázquez, o cámara Humberto Novoa, Luis A. García, quen se encarga do son, e máis a mesma Cristina.

Eles, xunto a outros colaboradores como o xornalista Afonso Eiré ou o compositor Chicho Carballido, da Quenlla, conforman o equipo que fixo posible esta produción.

Despois da súa estrea en Chantada e o seu paso por diferentes cidades e vilas galegas, Asolagados chega este sábado ao Museo do Pobo Galego, en Compostela, onde se proxectará  este sábado, ás 17:00 horas. Logo, o 27 deste mes, viaxará á Casa de Galicia en Madrid, para despois volver á Coruña, para unha proxección no CGAI o 8 de febreiro.

P ¿Que acollida está a ter Asolagados?
R
Está a ter bastante boa acollida, estamos sorprendidos para ben. Cando a presentamos en Chantada xogabamos un pouco na casa, pero non contabamos con que houbera tanta xente. A verdade é que, dos sitios aos que vamos, saímos moi contentos. Nas vilas máis pequenas hai menos xente, pero cando fomos ao MARCO, en Vigo, quedamos sorprendidísimos pola acollida e pola participación da xente no coloquio previo que facemos en cada presentación.

P Incluso recibíchedes algúns recoñecementos, como a entrada na preselección para os Mestre Mateo.
R
Si. Estivemos tamén no Festival Internacional de Cine de Ourense, nunha sección alternativa chamada Panorama Galicia.

P Un dos retos máis difíciles do documental foi atopar testemuñas que quixeran falar da súa experiencia...
R
Si, porque o caso de Portomarín é o máis coñecido, e cando te pos a buscar fotografías antigas e documentación de arquivo só atopas cousas de alí. De Portomarín tiñamos as fotos que queríamps, pero non das outras vilas. Nin sequera había un rexistro de cantas había.

O noso guinista, Alfonso Eiré, que logo sacou un libro sobre Belesar, titulado Belesar, o orgullo de España, mismamente comentaba que a el ocorréralle o mesmo que a nós cando empezamos a gravar, pero que, aínda así, el lograra contar a 26 vilas. Nós chegamos a arredor de 12, e entrevistamos xente en tres deles, nos que falamos cos protagonistas in situ. A outro dos puntos, a Ponte Fortes, datada do ano 1948, levamos a dúas persoas que a construiran.

P ¿Que tipo de reacción tivo a xente ao volver aos seu antigos fogares?
R
O bo do documental é que hai de todo, pero, iso si, hai algo común a todas as testemuñas que temos: nunca esquecerán os seus lugares nin o día que os tiveron que abandonar. Hai quen querería volver, que se agora baixara o encoro volverían construir unha casa alí, pero tamén hai outros que din: "si, cariño si, pero eu non volvo aquí". Temos unha boa diversidade de opinións. Pero é curioso: Algúns din que non volverían vivir alí porque pensan que suporía volver ao de antes, atrás no tempo, sen os novos camiños, a electricidade e demáis comodidades de hoxe en día.

P ¿Rememorades dalgún xeito no documental o modo de vida que caracterizaba aqueles lugares respecto ao río?
R
Non é que sexa o tema central, nin que se contrapoña co de agora, pero si que falamos dos peixes que había antes, de que había moita anguía; e non só iso, tamén moita froita... "Era un perxel", recordan algúns do protagonistas. E tamén que o río cambiou moito, claro.

P Hai que precisar que Asolagados non é un documental protesta, senón que só pretende recoller a memoria do que alí había e do que alí aconteceu...
P
Pois iso é algo que lle sorprende a xente cando imos ás proxeccións. Xa desde a estrea en Chantada, o bonito é que non saben que agardar: uns pensan que é sobre a construción do encoro; outros, que é en contra de Fenosa... Mais, á fin, o que logo lles gusta a todos é co que nos quedamos: A visión xeral de que o interesante é que fala a xente e que nós non fixemos tensa a conversa, que eles dan a súa opinión e contan a súa vida. O documanetal é a voz dos protagonistas, que son os asolagados.

P A cinta foi gravada nun momento moi concreto, no que se presentou unha oportunidade única.
P
Case todo o documental foi gravado en 2011. Aínda que houbo algunhas cousas que tivemos que gravar cando subiu a auga, en 2012, e algúns retoques no 2013. Pero, case na súa integridade, corresponde á baixada do encoro, cando nos achegamos alí os seus protagonistas e estaba a auga ao mínimo. Todo chegou un pouco por David [o director], que foi o que nos uniu aos outros catro. Nós eramos xa amigos, e tamén tiñamos en común que viñamos do audiovisual, polo que dixemos "hai isto [pola baixada do caudal]", e argallamos que podiamos facer algunha curta. David xa gravara algunha, como As almas do Fental.

Cando chegamos á zona, vimos que había moito por facer; tampouco sabiamos cando ía volver subir o nivel da auga. Pouco a pouco, fomos descubrindo que había xente nos pobos anegados e unha cousa levou á outra. Algo pequeniño comezou a facerse moi grande. Houbo un momento que tiñamos tanto material que o que ía ser unha curta converteuse nunha película de 60 minutos. David e Humberto traballaban para Tele20, a televisión local de Chantada, e xa gravaran alí para unha reportaxe. E así comezou.

P Precisamente por ter gravado durante a baixada do encoro, a cinta conta con imaxes irrepetibles.
R
Claro, iso non se repite. É o que din os protagonistas: pasaran 48 anos ata entón -porque no 2013 cumplironse os 50 anos da nosa conmemoración da inauguración- e no 2011 podianse ver estas vilas. Á diferenza de Portomarín, que se pode ver calquera ano, esta xente só tivo esa ocasión para regresar á súa vila. Así que, por inédito, ten ademáis un valor histórico e social que queda aí.

P ¿Desde Coa auga ó pescozo tedes previsto algunha outra iniciativa?
R
Temos falado algunha cousa, pero Asolagados levounos moito tempo e agora a prioridade é acabar de promocionalo e dalo a coñecer. Dentro dun tempo, acabaremos coa proxeccións e mandaremos o DVD... Máis adiante non se sabe se faremos outra cousa, pero polo de agora non.

Comentarios