Opinión

'Cousas da vida'

A INDUSTRIA editorial galega preparou para estas datas, nas que moitas persoas seguen a agasallar con un libro, un catálogo de novidades rico e diverso. Nel conviven novelas premiadas nalgúns dos certames máis importantes da literatura galega con publicacións de autoras e autores de renome, e con sorpresas procedentes en ocasións de proxectos máis modestos e alternativos. Tal oferta, exhibida na súa maioría na última edición de Culturgal, constitúe unha mostra non só da resistencia do tecido editorial galego en tempos a todas luces adversos, senón tamén da procura de estratexias de visibilización e publicidade. Na concepción dalgunhas presentacións, nos booktrailers, no aproveitamento das redes sociais e no deseño de certos produtos quero ver mostras desta tendencia.

A promoción das novidades en escaparates e feiras eclipsa, como é sabido, a diversidade do conxunto, tamén en literaturas como a galega. Na lóxica do mercado, a oferta semella cinguirse ao que é novidade, ben pola recente aparición ben por algunha circunstancia relacionada co libro ou con quen o escribe. É posíbel que esta realidade lle afecte tamén a unha das obras que estes días se mostran nos andeis das librarías malia non se tratar propiamente dunha nova entrada no catálogo senón dunha reedición. Estou a pensar nos seis volumes ‘Cousas da vida’ que, xunto con ‘Cincuenta homes por dez reás’, acaba de reeditar Galaxia. A iniciativa reúne a obra gráfica máis popular de Castelao, publicada inicialmente na prensa e escolmada, a partir dos anos sesenta, pola editora viguesa.

Alén da recollida en varios tomos das ‘Cousas da vida’, as viñetas e láminas que os integran foron reproducidas ao longo de todos estes anos nos lugares máis diversos, e mesmo citadas e parafraseadas tanto na oratoria maiormente política, como na conversa cotiá. Os debuxos de Castelao forman parte do imaxinario colectivo e desempeñan, dentro deste, funcións vinculadas tanto á identidade como á conciencia social. Son moi numerosos os exemplos nos que estas viñetas se utilizan para ilustrar a condición dun ser humano que identificamos como galego, ou para denunciar uns problemas que semellan endémicos. O título xenérico dos volumes, xunto co nome do seu autor, infiltrouse ademais na fraseoloxía popular a xeito de apostila: cousas da vida, por Castelao. Os seis tomos nos que se estruturan as cousas, ‘Animais’, ‘Caciques’, ‘Homes’, ‘Mulleres’, ‘Nenos’ e ‘Vellos’, xunto cos Cincuenta homes forman parte das novidades editoriais importantes da tempada. Aínda tratándose de composicións de debuxo e texto que axiña han contar cun século de antigüidade, nestes libros atoparemos claves que explican o noso presente, ademais de moitas tarefas aínda pendentes como sociedade e como país.

Comentarios