Opinión

Contra as mulleres

A loita da muller pola igualdade, así o propagan os seus voceiros, atenta contra a familia (tradicional) e constitúe mesmo unha ameza á humanidade

A ULTRADEREITA española, herdeira directa da ditadura franquista e con tics de fondo claramente neonazis, está contra as mulleres. Contra as mulleres libres, autónomas e independentes, soberanas de si mesmas; contra as mulleres que se erguen como resistencia á dominación, explotación e opresión levada a cabo polo sistema patriarcal. Nos últimos días, un dos líderes do neofranquismo español, manifestamente en contra das mulleres emancipadas, dixo que dar un "viva" ao 8-M era como gritar "viva la enfermedad y la muerte". E aí resoaba, como non, a frase daquel militar golpista, coruñés de nacemento, inimigo da intelixencia e "noivo da morte", tan prezado pola actual directiva do neofascismo español.

Como ben expresou recentemente o maxistrado Joaquím Bosh, os sectores máis conservadores non lle perdoan ao feminismo as súas decisivas achegas como axente de transformación social e de defensa da igualdade, "por iso arremeten con misoxinia cega e torpedade embarullada". E así é. O feminismo e os seus avances sociais son combatidos pola extrema dereita porque perciben aí un modelo de sociedade antiliberal, así entendido polos sectores máis lúcidos das mulleres, que resulta ser antagónico coa mentalidade política neofascista. As organizacións de ultradereita responden, nun plano máis ou menos visíbel, en toda Europa, a unha concepción misóxina e machista, e teñen como un dos seus principais retos acabar coas políticas de igualdade e cos dereitos conquistados polas mulleres.

En realidade, existe, no seo das dereitas extremas —témolo ben á vista—, un definido supremacismo masculino. A loita das mulleres pola igualdade, así o propagan os seus voceiros, atenta contra a familia (tradicional) e constitúe mesmo unha ameaza á humanidade, á "tradición humanista cristiana". Xa ven vostedes. Misoxinia, política e relixión. E o autobús aquel que negaba con grandes letras a existencia da violencia de xénero e estampaba nos seus laterais, para que ficase ben claro, a efixie de Adolf Hitler.

Existe, sen dúbida, unha internacional misóxina. Na tradición e na actualidade. Como di o filósofo francés André Glucksmann, "o odio máis longo da historia, máis milenario aínda e máis planetario que o do xudeu, é o odio ás mulleres". O esperpento de Pilar Primo de Rivera vive: "A las mujeres les falta el talento creador reservado por Dios a las inteligencias varoniles".

Comentarios