Contos do confinamento

O Concello de Guitiriz recompila nunha obra solidaria máis de 70 relatos escritos por veciños dunha decena de localidades con motivo do certame organizado para celebrar o Día do Libro
Ana Pérez, co libro ‘Tes un conto...’. C. PÉREZ
photo_camera Ana Pérez, co libro ‘Tes un conto...’. C. PÉREZ

Elefante, azul, sorriso, soño, pan, aperta, fortuna, bolboreta e enfermeira. Nove palabras propostas ao chou por outras tantas persoas eran o único condicionante para a imaxinación de cada un que alá polo mes de abril fixaban na biblioteca pública municipal Casa Habanera de Guitiriz para participar no certame Tes un conto..., convocado para conmemorar o Día do Libro.

"Estabamos confinados, con todo pechado, e queriamos propoñer unha actividade que a xente poidese facer desde as casas", lembra Ana Pérez, a responsable da biblioteca guitiricense, sobre unha convocatoria que acaba de dar pé a un libro solidario.

A resposta foi inmellorable. A través do correo electrónico recompiláronse un total de 71 relatos de xente de todas as idades —algúns ata complementados con debuxos—, que se foron compartindo daquela a través das redes sociais. A súa orixe xeográfica tamén é do máis diversa, porque hai escritos de autores da zona, pero tamén doutros puntos de Galicia, coma Castro Caldelas, Santiago, Vigo ou Ponteareas, e mesmo de España, coma San Sebastián ou Xixón.

Con toda esa materia prima, que en moitos dos casos se inspira e reflicte aquelas primeiras semanas do estado de alarma decretado pola pandemia mundial do coronavirus, o Concello animouse a editar un libro, coordinado por Ana Pérez, que contou coa colaboración desinteresada de Irene Olveira, que se responsabilizou da correción dos textos, e de Alba Nimbos, artista local que deseñou a portada.

A obra xa está na Casa Habanera, a disposición de quen queira facerse con algunha das cen copias da tirada inicial, un agasallo solidario, ideal para este Nadal co que ademais se fomenta a lectura.

"Non queriamos vendelo, pero pensamos que estaría ben que a xente fixese unha doazón ao fondo de emerxencia social que precisamente se habilitou con motivo da pandemia", explica a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, que aclara que se fixou unha "cantidade simbólica" de cinco euros. Así, o único requisito que se fixou para facerse cun exemplar de ‘Tes un conto...’ é o de contribuír a ese peto da que poden tirar os servizos sociais para axudar a calquera veciño que o estea a pasar mal polos efectos do covid-19.

Comentarios