Contos de avespas e abellas

A nova compañía de títeres, con sede en Sistallo (Cospeito), estrea a súa primeira obra, 'Belarmina, a fabulosa velutina', hoxe ás 18.00 horas no auditorio de Vilalba, no marco do ciclo de teatro profesional Proscenio, promovido pola área de Cultura da Deputación
Integrantes de Titiriterra. EP
photo_camera Integrantes de Titiriterra. EP

Hai xusto un ano, un encontro casual nunha gasolineira levou a converxer os intereses e habilidades artísticas dos tres pés que forman a nova compañía teatral Titiriterra: Martín Vázquez, Verónica Quintela e Gustavo Fouce.

Gustavo, que se está a mudar a Sistallo (Cospeito) —onde asentaron Titiriterra—, estudou Inef e Arte Dramática. Pechado o seu ciclo na compañía Nasdrovia, andaba a buscar alguén que fixese títeres e recomendáronlle a Verónica Quintela, enxeñeira forestal de profesión e ideadora e manufactureira, por vocación, de cabezudos —fai todos os anos para o San Xoán de Sarria, de onde é—, bonecos ou cerámica.

Malia a que Gustavo xa solucionara, fixeron por quedar igual e a ese encontro Verónica levou unha marioneta que tiña feita dunha vella. E Gustavo tívoo claro ao vela. Pensou: "Podemos facer algo". A el xa lle rebulía na cabeza a idea de centrar unha obra nun animal "de moda", a avespa asiática. "A partir de aí, todo foi ensaiar, argallar e discutir un pouco", resume Gustavo sobre unha idea que foi medrando pouco a pouco e un proceso creativo que se prolongou durante meses ata darlle forma a 'Berlamina, a fabulosa velutina', a historia dunha avespa que non recoñece a súa condición, polo que pon todo o seu empeño en trabar amizade cunha abella un tanto "roñica". Dúas especies enfrontadas que, porén, a xente non sempre sabe distinguilas.

Naquela xuntanza, que supuxo a semente dun froito que se poderá ver esta tarde no auditorio Carmen Estévez de Vilalba e o vindeiro 30 de decembro en Monforte, tamén estaban outras dúas pezas clave de Titiriterra: Martín e o seu trombón. Natural de Lugo e afincado en Sarria, este músico de corazón e de dedicación —é membro de Louband e mestre nas escolas de música de Rábade e de Paradela, onde tamén dirixe a banda— comparte vida e tamén escenario con Verónica. Non só son os encargados de darlle vida aos títeres, senón que tamén son personaxes dunha peza na que a música é un ingrediente esencial.

Os dous, din, levan ben todo o traballo que conleva crear as personaxes, os ensaios, as decisións creativas... "É unha aprendizaxe grande e enriquecedora", aseguran. "Cando nos atopamos, interesábame que non tivesen demasiada experiencia", apunta Gustavo, director e coautor da música dunha obra na que, como precisa Martín, apostaron porque o lado artístico, ademais do propio entretemento, tivese peso.

Tamén preferiron darlle forma a "unha peza sinxela, que se poidese levar a calquera sitio, sen perderse na escenografía", explica Gustavo, convencido de que os dous títeres de bocón "son o suficientemente bonitos e complexos en textura e en expresión" para levar todo o peso dunha montaxe dirixida "a todos os públicos". E aínda que xa fixeron algunhas probas con audiencia, confían na resposta que lles ofrezan os nenos e as nenas en Vilalba. Porque o público infantil, asegura Gustavo, é "moi esixente e moi sincero".

Comentarios