"Conto convosco", así apelou Oliver Laxe á defensa da zona no IES de Becerreá

O director recolleu o premio de promoción da lingua e cultura galegas convocado polo centro

Oliver Laxe, en el IES de Becerreá. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Oliver Laxe, en el IES de Becerreá. VICTORIA RODRÍGUEZ

"Conto convosco", díxolles este venres Óliver Laxe aos rapaciños —así preferiu chamarlles— do IES de Becerreá, despois de recoller o sexto premio á promoción da lingua e cultura galegas nos Ancares, convocado polo equipo de dinamización lingüística do centro. O acto de Becerreá foi o segundo para o cineasta tras recibir o premio do xurado en Cannes polo seu filme O que arde, que fixo que o galego se ouvise por vez primeira no festival francés, e no que participou parte da comunidade educativa; un acto no que "tiña que estar", presencia significativa dunha maneira de entender o cine "por e para a xente".

"Conto convosco, para seguir defendendo a beleza e os valores da zona", dixo. Unha zona onde pensa facer máis películas e onde está impulsando un proxecto pedagóxico e de agricultura ecolóxica. A zona, en definitiva, onde sitúa o nacemento da súa ollada como cineasta cando, fillo de emigrantes en París, voltaba no verán aos tempos, ritmos e silencios da aldea da súa nai en Cervantes, e ao límite desa cultura milenaria do que se sente depositario.

Non obstante, "a pesar da inxustiza sentida pola falsa idea de progreso que nos venderon, e por todo o que se está a perder, penso que o futuro está aquí", indicou. "Temos moita sorte de vivir aquí, e temos a responsabilidade de coidar este patrimonio", alentou.

O 'CAMÍN' DIFÍCIL. O director animou ao alumnado a seguir o camiño difícil. "Camiño, non; camín", matizaba, en xesto de fidelidade ao galego falado na Montaña. "Facer unha película en galego foi un camín difícil, pero é que do camín fácil desconfío coma se fose o diaño", advertiu. E o filme, para o galego, "foi coma botar un berro; penso que botamos un bo berro en Cannes, e que, como galegos, nos quedamos a gusto".

Óliver Laxe animou os estudantes a preguntarse con honestidade que camiño queren seguir, e seguilo, aínda que sexa difícil, "porque os mellores froitos dunha árbore nunca están á altura da man —da mao!-", dixo. E manifestou "confiar neles", e nesas sementes que quixo plantar. "Porque necesitarei, canto máis espadas, mellor", afirmou. Espadas de beleza, de amor pola terra.

Comentarios