Blog | A Semana do Revés

A Confederación na picota

Algunhas decisións da CHMS, motivadas por denuncias de Adega, son difíciles de entender

EN LUGO, ultimamente, é mentar a Confederación Hidrográfica e poñérsenos os pelos de punta. O organismo ten a función de administrar, controlar e preservar o dominio público hidráulico, pero a sensación que teñen moitos cidadáns é que non está ao que debería, mentres que, pola contra, outras veces non se entenden as súas intervencións. Con toda seguridade as súas decisións axústanse á legalidade –alomenos a maioría, porque aí está o primitivo plan de encauzamento do río en Sarria, que parou o xulgado e tivo que ser reformulado–, pero moitas delas son cando menos extemporáneas. Ordena agora a Confederación botar abaixo unha das rotondas da nova ponte de Paradai, un ano despois de que rematara a súa construción e pasado máis dun lustro dende que se proxectou. E despois de ter encauzado o río nese punto, non só aos lados senón por riba, cunha lousa co grosor necesario para soportar tráfico, porque, segundo o Concello, ese era o plan. Porén, a CHMS cre que a glorieta dana o dominio público hidráulico porque invade zonas de servidume e policía de ambas marxes do río Rato. Un cauce do que, por certo, faltaban por recoller uns dous quilómetros do tramo medio e alto no PXOM ao que a Confederación lle deu o visto bo no 2008. Aínda que despois, con novo goberno e novo presidente, cambiou de idea e considerou que non só debía ampliarse a información sobre o Rato, senón que esixiu estudos hidrolóxicos sobre o 5% do territorio que tiña pendente a aprobación do novo PXOM. Unha información que non requerira para o 95% restante. Outra contradición. 

A CHMS admitía daquela que facía o requerimento en resposta a un informe solicitado pola Xunta e, á vez, porque "un grupo de personas vinieron a exponerme el problema2, contaba o presidente da Confederación, Francisco Marín. Ese grupo de persoas non só advertira de que faltaban tramos do Rato por recoller e que sobre el se prevían desenvolvementos urbanísticos, senón que, nun estudo ao azar feito por varias parroquias, identificou 45 kilómetros de ríos que non estaban recollidos no PXOM.

Os informantes eran membros de Adega –tamén da Asociación Galega de Custodia do Territorio e de Ríos con Vida–, un colectivo ecoloxista cuxas denuncias están na orixe de moitas das recentes decisións da CHMS sobre a cidade. Foi Adega quen denunciou en xaneiro do ano pasado que a rotonda de Paradai afectaba ao cauce, ao igual que o proxecto de ampliación de Serra de Meira, que por esa razón está pendente de aprobar. Tamén foi Adega quen, unha vez que saltou a alarma cidadá e mediática, iniciou unha campaña contra o dique do Miño e conseguiu personarse no expediente da Confederación, que esta semana se resolveu coa orde de desmontaxe, unha multa ao Concello de 180.000 euros e ningunha responsabilidade para a construtora. 

Non son máis dunha vintena de persoas, pero son inasequibles ao desalento. Fan boa esa célebre frase de Margaret Mead, a antropóloga, quen sentenciou que "xamais hai que dubidar da capacidade de tan só un grupo de cidadáns conscientes e comprometidos para cambiar o mundo". 

Seguramente hai moito diso, traballo e perseverancia, pero tamén hai quen empeza a desconfiar das relacións entre Adega e a Confederación, receos acentuados polo feito de que non hai moito que o organismo estatal entregou 10.000 euros á asociación para un programa de formación de voluntariado ambiental e divulgación dos valores da demarcación do Miño-Sil. 

En todo caso, máis aló das consideracións que se poidan facer sobre os intereses de Adega, con frecuencia a CHMS é noticia tamén por cuestións que nada teñen que ver co colectivo. A lei ampararao, pero non é fácil de entender que se poida abrir unha gasolineira a cen metros do río e facer un dique nunha zona con protección ambiental e que custe tanto facer unha zona de baño. Ou que a CHMS tardara máis dun ano en ordenar a reapertura dunha senda a carón do río Mera que un cidadán pechara pola súa conta. Ou que só teña cinco peóns para coidar 7.300 quilómetros de ríos e ningún plan contra o fungo que deixa as ribeiras sen ameneiros dende hai anos. 

Claro que a CHMS non é a única administración que toma decisións difíciles de entender. Moitos cidadáns pregúntase que necesidade tiña o Concello de volver a explotar a vella fábrica da luz, unha instalación que, segundo recordaba o historiador Adolfo de Abel Vilela hai unha semanas, funcionou mal dende o principio, polo que enseguida houbo que facer outra Miño arriba, no Piago. Se cadra, só interesaba darlle negocio a un dos amigos de Liñares, ese concelleiro que acabou presidindo a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e confesando que recibía comisións. "Gratificacións2, segundo el.

Comentarios