O Concello de Triacastela sinaliza os principais recursos turísticos da vila

Os paneis, que destacan o carácter xacobeo da localidade, tiveron un custo próximo aos 20.000 euros. A bifurcación do Camiño e o xacemento da Cova Eirós aparecen recollidos

A sinalización consta de paneis explicativos e indicadores. VILA
photo_camera A sinalización consta de paneis explicativos e indicadores. VILA

Triacastela deu un paso máis na promoción turística desta vila xacobea coa sinalización dos seus principais monumentos e lugares de interese. A actuación, que tivo un custo próximo aos 20.000 euros, realizouse en base a un convenio de colaboración entre o Concello e Turismo de Galicia, entidade esta última que achega a maior parte do financiamento.

A sinalización consta tanto de indicadores de dirección, que orientan os peregrinos e demais visitantes, coma de paneis explicativos con información sobre os edificios históricos da vila, o Camiño de Santiago ou a economía local. Estes últimos —en galego, castelán e inglés— van acompañados do lema "Concello de Triacastela. Final da undécima etapa no Códice Calixtino" e do debuxo dun bóvido que forma parte das pinturas rupestres de Cova Eirós.

Os novos indicadores destacan tanto a importancia deste xacemento arqueolóxico coma o cáracter xacobeo de Triacastela. Así, son dous os paneis adicados a Cova Eirós, situados en puntos estratéxicos de paso de persoas e nos que se recollen algúns dos achados que deparou esta gruta, de vital relevancia para o estudo do Paleolítico en Galicia.

A alcaldesa, Olga Iglesias, valorou o resultado desta actuación. "Era un traballo pendente e moi necesario"

O Camiño de Santiago está tamén moi presente na nova sinalización. Un dos taboleiros explica as dúas variantes entre as que pode elixir o peregrino para achegarse ata Sarria desde Triacastela (por Samos ou por San Xil) mentres que outro repasa a historia da vila e a súa condición de "paso obrigado da peregrinaxe".

A igrexa de Santiago é outro dos monumentos con sinalización propia. A súa advocación "ten que ver coa razón da fundación de Vilanova de Triacastela no ano 1228 polo rei Afonso IX, quen fixo de Triacastela un lugar estratéxico na peregrinación a Santiago, ao constituír o final da undécima etapa, que discorría entre Villafranca do Bierzo e Triacastela, tal e como se describe no Códice Calixtino", recolle o panel situado diante do templo.

Un cruceiro, un palomar e un mosaico elaborado polo escultor sarriao José Díaz Fuentes son tamén elementos sinalizados, xunto coa árbore centenaria do núcleo de Ramil, a nova área fluvial habilitada polo Concello ou o monumento ao peregrino.

HOSPITAL E FERRERÍA. Do mesmo xeito, aparecen indicados o vello cárcere, o antigo hospital ou a ferrería, inmoble este coñecido como Casa da Ponte, que data do século XVI e que, entre outros usos, foi mesón para as persoas que se dirixían a Compostela.

Ademais, no camiño de Suavila colocouse un panel alusivo á historia, a paisaxe e a economía deste municipio, sustentada en dous grandes piares: o Camiño de Santiago e a gandaría, principalmente de gando vacún de carne, pero tamén de leite.

A alcaldesa, Olga Iglesias, valorou o resultado desta actuación. "Era un traballo pendente e moi necesario", explicou a rexedora, para quen esta nova sinalización contribuirá a poñer en valor o patrimonio do municipio.

Comentarios