Pol

O Concello culmina o proxecto para levar a auga da traída municipal a Caraño

Máis dun cento de veciños da parroquia poden abastecerse dos mananciais da serra, onde se construíu un depósito con capacidade para acumular 150.000 litros 
Proxecto en Valonga. EP
photo_camera Proxecto en Valonga. EP

Dispor de auga é unha das grandes preocupacións dos veciños e polo tanto, tamén daqueles que os gobernan. Por iso o Concello de Pol leva anos a desenvolver proxectos que eviten a falla de abastecemento, especialmente cando hai problemas de seca. E unha destas iniciativas vén de culminar agora co desenvolvemento da terceira fase para dotar de traída de auga municipal á parroquia de Caraño, da que se beneficiarán máis dun cento de veciños. 

O alcalde polego, Lino Rodríguez Ónega, precisou que o investimento total deste proxecto superaría os 400.000 euros, se ben se puido aforrar unha parte deste custo ao realizar boa parte das actuacións con persoal do Concello e medios de titularidade municipal.

O Concello mellora o abastecemento das piscinas municipais e a varios barrios de Fraialde

A última partida consignada para esta actuación ascende a 72.000 euros, procedentes do plan único da Deputación Provincial de Lugo de 2019. Con este financiamento, o Concello de Pol levou a rede xeral de abastecemento a varios lugares da parroquia, completando un proxecto que se iniciaba hai xa uns anos coa compra dunha parcela localizada na serra de Caraño.

Estes terreos foron o lugar escollido para construír un depósito con capacidade para almacenar 150.000 litros de auga, así como uns catro quilómetros de rede cun diámetro de 12,5 centímetros e 25 atmosferas.

Rodríguez Ónega precisou tamén que os fondos procedentes da Deputación serven ademais para mellorar a rede de Mosteiro, o que supón unha mellora do abastecemento ás piscinas municipais e a varios barrios da parroquia de Fraialde.

Ademais de cubrir unha necesidade básica, como é o ter de agua de calidade nos fogares, os concellos tamén procuran manter en bo estado as estradas do seu municipio, para facilitar os desprazamentos diarios dos veciños. E nesa liña de mellorar as vías locais, o Concello vén de investir máis de 40.000 euros no acondicionamento de preto dun quilómetro de estrada na parroquia de Arcos.

Obras da traída de auga de Fraialde. EPConcretamente, os traballos serviron para mellorar as cunetas para facilitar a drenaxe e aglomerar a calzada nun tramo comprendido entre a canteira e a igrexa parroquial. O Concello pon 12.000 euros para esta actuación, que conta cunha subvención de 30.000 euros da Xunta de Galicia.

O alcalde de Pol salienta ademais a intervención realizada na parroquia de Valonga, xa que con ela se dá resposta a unha demanda veciñal. Lino Rodríguez precisou que o proxecto conta con dúas zonas de actuación, unha ao carón do cemiterio parroquial e outra na estrada que dá acceso aos montes de Panda.

O rexedor precisou que no contorno do cemiterio se acondicionou un espazo que permitirá incrementar a capacidade da zona de aparcadoiro, onde antes apenas había oco para un par de vehículos e agora poderán estacionar unha decena en batería. Con esta actuación tamén se lle dá un mellor acceso a varias fincas do lugar.

Moi preto deste punto, concretamente ao carón da rotonda, tamén se leva a cabo o acondicionamento da coñecida como pista do San Bernabé. O alcalde precisa que o estado da vía, tanto pola pronunciada pendente como polo pavimento, dificultaba ou incluso impedía o acceso de camións aos montes de Panda. Para facer posible esta obra, o Concello realizou unha permuta cun veciño do lugar.

O rexedor destaca a axilización de prazos e o aforro que supón o ter persoal e maquinaria municipal para executar obras

Rodríguez Ónega puntualiza que para sufragar estas intervencións o Concello de Pol conta cunha partida de 30.000 euros do plan único da Deputación, á que se lle suman ao redor de 35.000 euros procedentes das arcas municipais.

O rexedor destaca que para ambas actuacións se están a usar medios propios, tanto con persoal municipal como con maquinaria do Concello. Así, salienta a importancia que ten para un municipio pequeno coma o polego, e que non dispón de moitos recursos económicos, o contar con operarios preparados para acometer este tipo de intervencións, así coma cun amplo parque móbil municipal.

O alcalde recorda que desta maneira non só se aforran custos á hora de acometer proxectos que redundan en beneficio dos veciños, senón que tamén se axilizan os prazos de execución en actuacións que se consideran necesarias a nivel municipal. 

Obras da traída de agua de Caraño. EP

Comentarios