O Concello de Lugo cancela as actividades previstas para os próximos días

Cultura mantén parte do programa de Samaín e segue adiante o festival Lugo Máxico
Lara Méndez. MARÍA G MORADO
photo_camera Lara Méndez. MARÍA G MORADO

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este venres que o Concello cancela "todas as actividades previstas" para os próximos días.

Trasladouno inmediatamente despois que a Xunta ordenase o peche perimetral das cidades galegas pola mala evolución da pandemia, e restricións ás reunións unicamente a persoas convivientes nestes municipios, incluído o de Lugo. 

"O Concello vai pór a disposición todos os instrumentos para colaborar na contención da pandemia, nun momento complicado onde vemos que as cifras de incidencia acumulada en sete días aumentou nas sete grandes cidades", sinalou. 

Méndez apelou a que é "responsabilidade" de todas as administracións, e igualmente da "cidadanía" contribuír a dobregar a curva de contaxios. 

Insistiu "na concienciación social e na implicación individual" e apelou a "ser absolutamente rigorosos coas pautas que establecen as autoridades sanitarias".

CULTURA. A concellería de cultura decidiu manter parte da programación festiva. Aínda que a alcaldía anunciou a suspensión de todas as actividades do Concello tras coñecerse as medidas decretadas pola Xunta, o departamento de cultura, que dirixe a nacionalista Maite Ferreiro, anunciou máis tarde que se mantiña parte da programación lúdica.

A razón é que, segundo a área de cultura, o decreto da Xunta non impide a celebración, por exemplo, das actividades máis vistosas programadas para Samaín. A concellería si decidiu anular os talleres para nenos que ían celebrarse o sábado e o domingo en O Vello Cárcere e o MIHL. Si se cancelaron outras actividades de Samaín, como as programadas pola asociación Lugo Monumental, que anunciou que as recuperará máis adiante.

En tanto, cultura tamén avanzou que se mantén o programa de Lugo Máxico, que arrincará o vindeiro luns no Auditorio cunha gala a cargo de catro meigos galegos.

MAN TENDIDA AO GOBERNO. Dito isto, ratificou que se "cancelarán todas as actividades que o concello tiña previsto para estes días, de forma especial a fin de semana coincidindo co Samaín". "Quedan canceladas todas as actuacións previstas polo Concello á espera de como vai evolucionando isto", subliñou. 

A alcaldesa de Lugo volveu a tender "a man ao Goberno galego" para frear a expansión do coronavirus, á vez que empraza a esperar ao que decidan as autoridades sanitarias a partir do próximo mércores, si se "alixeiran ou incrementan" as restricións, en que está prevista unha nova reunión do comité clínico, mentres tanto recomenda "precaución e cautela". 

Comentarios