Compostela e as rotondas

Gústanme as rotondas. Tanto que xa fixen un pequeno estudo dos distintos tipos de rotondas e características. Tamén sería interesante unha observación da conduta dos distintos tipos de volantistas ante unha rotonda. Houbo unha época, aí atrás, hai uns poucos anos, en que se construíron rotondas a mancheas. Unhas veces por necesidades evidentes, nadas do enorme aumento da intensidade do tránsito, e outras pola confianza cega na súa seguridade, independentemente da adecuación ao caso. A febre construtora de rotondas facilitaba o cumprimento das normas de tránsito. Tamén mellora a fluidez, e mesmo pode contribuír á evitación de accidentes por alcance, nas saídas/entradas das numerosísimas vías -chamémoslles pistas- que inzan este noso país dos miles de hábitats...

Parece unha evidencia de Perogrullo aseverar que o que o lexislador non contemplou foi o crecemento de zonas poboadas con miles de habitantes en estradas xerais, en estradas provinciais, comarcais, en calquera sitio. Así, por exemplo, nas proximidades de Santiago de Compostela hai algúns casos dignos de estudo. Cacheiras, Milladoiro, Bertamiráns, Sigüeiro, son poboacións sobre estradas. As vías AC-841, N-550, AC-543 e de novo N-550, estaban alí moito antes de que a iniciativa dos construtores de vivendas en pisos, levase a cabo o disparate de desordenación urbana que sufrimos. E o que si se fixo foi intentar mellorar o tránsito coas rotondas. As necesidades de desprazamento diario dos habitantes destes núcleos-poboacións débense a que son hábitats sen servizos e sen centros de traballo. Aquí viñeron as rotondas a dar a impresión de que se pode alixeirar o tránsito de vehículos privados e diario. De tal maneira proliferaron que para ir á Estrada (pásase por Cacheiras) topas con 18 rotondas en menos de 15 quilómetros. De forma que semella que entre as restricións de velocidade e as rotondas vas de rally en lugar de ires de Santiago de Compostela á Estrada.

Hai rotondas pequenas, moi pequenas, como un baixo prato, espetadas no medio dunha estrada comarcal, cunha soa saída: son esas que puñeron un pouco desprazadas cara a un lado.

Hai rotondas grandes, con beirarrúas, por se queres dar un paseo pola devandita. Hai rotondas que rematan nun semáforo, para que a sorpresa acabe en choque. Hai rotondas cargadas de herba alta, probábelmente para complementar o pasto do gando veciñal. Hai rotondas remate dunha autovía, amañadas despois do primeiro accidente que rematou co vehículo pendurado no baleiro espazo. Hai outras que aproveitaron para base dunha escultura, estilo horroroso, que non atopou mellor emprazamento. Hainas que son utilizadas para pequeno xardín que impide ver os vehículos que se incorporan, pero teñen a vantaxe de estimularen a visión periférica: debes mirar de fronte e de esguello ao mesmo tempo. En fin, a rotonda como símbolo tamén ten o seu aquel: sempre podes voltar ao mesmo lugar. Dáche unha segunda oportunidade.

Comentarios